Pestanas principais

O Milladoiro celebra as súas festas os días 5, 6, 7 e 8 de agosto

Venres, 05 de agosto de 2016

[05-08-2016] Hoxe venres, 5 de agosto, o festival MillaRock volve ao Milladoiro no marco das festas da Madalena do Milladoiro. Un encontro musical que, trala súa paralización no 2011, se celebra de novo coa participación de tres grupos, un amesán e dous da contorna: Agoraphobia, Ith e Biribirlocke. Comezará ás 21:00 horas na praza da Madalena do Milladoiro. As festas do Milladoiro continúan os días 6, 7 e 8 de agosto con máis música, fogos artificiais e actos litúrxicos.

O sábado, 6 de agosto, as bombas anunciarán o comezo dun gran día de festa. Ás 20:00 horas, disputarase o IV Torneo de Peñas no campo de fútbol do Milladoiro, unha serie de partidos amistosos xogados entre os seareiros das peñas deportivista, celtista e madridista de Ames e o equipo de veteranos do Milladoiro SD. Ás 22:00 horas a discomóbil Eme Music abrirá a noite de actuacións musicais. Deste xeito, poderase gozar de Djs como Manu López, Vanesa Bouza e Marcos Magán. O grupo Triunfo, a partir das 23:30 horas, tamén fará bailar aos veciños e veciñas do Milladoiro.

O domingo 7 unha nova salva de bombas de palenque anunciará, ás 10:00 horas, o día grande das festas da Madalena. Ás 13:00 terá lugar unha misa solemne na capela da Madalena. Na propia praza da Madalena, onde se atopa a capela, celebrarase a partir das 14:00 horas a sesión vermú a cargo da Banda de música da SR de Calo. Xa pola noite actuará, ás 22:30 horas, a orquestra M-5. Unha sesión de fogos de artificio despedirá a xornada de festa ás 23:45 horas.

O luns, 8 de agosto, continúan as celebracións, co pasarrúas que fará a agrupación folclórica Os Retranqueiros de Ames por Ventín, Paramuíño, A Grela e Vilar de Calo. Ás 19:00 horas terá lugar no campo da festa o espectáculo infantil As Pamisuki. Outra misa celebrarase na capela da Madalena ás 21:00 horas, co traslado da imaxe da virxe da Madalena á capela ás 21:30 horas. O grupo feminino vigués M3 e a orquestra París de Noia porán o broche final a esta edición das festas da Madalena, a partir das 22:00 horas.

Últimas noites na terraza no Milladoiro
Os bares e locais do Milladoiro organizaron durante o mes de xullo e agosto unha serie de concertos nas súas terrazas. O último concerto é hoxe, venres 5 de agosto, e terá por escenario a terraza da cafetería Samarkamda. Nel actuará Aixa Romay, gañadora de varios festivais, coma o festival de Landro, e concursante do programa Tú sí que vales, a partir das 21:30 horas. Esta iniciativa estivo organizada pola Asociación Cultural A Madalena e contou coa colaboración do Concello de Ames.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La tirada de fuegos, la gran protagonista en Milladoiro"
El Correo Gallego: "O Milladoiro vive con devoción as festas da Madalena"
La Voz de Galicia: "Milladoiro despide con la París de Noia la Madalena"