Pestanas principais

O Milladoiro celebra as festas de San Xosé os días 17, 18 e 19 de marzo

Venres, 17 de marzo de 2023

Volven as festa de San Xosé ao Milladoiro, que se celebran durante esta fin de semanas (17, 18 e 19 de marzo). Haberá moita música con pasarrúas e verbenas os tres días. Ademais, celebrarase a IX Festa das Tapas e maila I Festa das Peñas. O sábado pola tarde haberá unha xornada de cultura urbana no anexo do pavillón organizada pola Concellaría de Xuventude do Concello de Ames. Tamén colaboran nas festas a Concellaría de Cultura, que sufraga a actuación da agrupación cultural Os Castros, e maila Concellaría de Obras e Servizos Básicos coa cesión de varias carpas.

As festas de San Xosé do Milladoiro comezarán hoxe venres, 17 de marzo, coa Festa das Tapas. Ás 17.00 horas abren as atraccións de feira que estarán instaladas na rúa Costa Grande. Posteriormente, ás 20.00 horas dá comezo a novena edición da Festa da Tapas, que se vai desenvolver durante os días 17, 18 e 19 de marzo, de 12.30 a 15.30 horas e de 20.00 a 23.00 horas. O prezo máximo de cada tapa é de 4 euros.

Os locais que participan na Festa das Tapas son La Capilla, Galway, A Tasca do Milladoiro, La Llama, Cisne, Cafelito, Gallaecia, Jisma, La Trastienda del 7 e La Central. Haberá premios doados por distintos establecementos comerciais e Palmira Scuba (paddlesurf, kayak ou esnórquel) aos clientes que valoren as tapas.

Cantos de Taberna e verbena
Ademais, o venres dende as 19.00 ata a media note realizarase a actividade Cantos de Taberna na que varias agrupacións  de folk actuarán en diversos locais hostaleiros do Milladoiro. Actuarán as agrupacións folk Argalleiros de Santiago de Compostela, Son de Gaita de Sergude, e Os Firras do Grove.

Tamén o venres haberá verbena a partir das 22.00 horas na praza de Manuel Murguía a cargo do Dúo Estrellas. Non se poderá acceder ao recinto da verbena con bolsas, mochilas, envases de vidro, envases de cartón ou latas por motivos de seguridade.

I Festa das Peñas
O sábado, 18 de marzo, dende as 11.30h haberá pasarrúas a cargo da charanga Tíralle do aire, que percorrerá as rúas dende a Casa da Cultura ata a rúa Agro do Medio. Tamén haberá xogos tradicionais dende as 11.30h na praza da Costa Grande. Dende as 12.00h continuarán os Cantos de Taberna a cargo do grupo Benofan de Calo dende a rúa Palmeira ata a rúa Raxoeira. Tamén ás 12.00h na praza da Madalena actuará o grupo vasco – galego Gureterra de Redondela, e ás 13.00 horas haberá sesión vermú na rúa Agro da Vella, no establecemento hostaleiro La Trastienda del 7, a cargo de Ángel Habana.

O sábado pola tarde celebrase a primeira edición da festa das Peñas, en horario de 16.00 a 20.00 horas, na Travesía do Porto. Poderán participar peñas de 6 a 10 persoas maiores de 15 anos. A inscrición terá un custe de 5 euros e inclúe merenda. Haberá dous premios para a peña máis orixinal (camisetas, estética, etc.) e para a peña que gañe os xogos que se van realizar.

Ademais, o sábado pola tarde ás 18.00 horas volverá actuar Ángel Habana en El Cafelito, na rúa Anxeriz. Xa pola noite a partir das 21.30 horas no aparcadoiro da rúa Agro do Medio haberá verbena a cargo da orquestra Finisterre e de Disco Móbil Chocolate.

Xornada de cultura urbana
Ademais, o sábado 18 de marzo, haberá unha xornada de cultura urbana no anexo do pavillón polideportivo do Milladoiro, de 17.00 a 20.00 horas. Esta actividade está organizada pola Concellaría de Xuventude do Concello de Ames. Haberá actividades de balde de fútbol de estilo libre (freestyle football), que consiste na realización de gran variedade de malabarismos creativos, controlando o balón con calquera parte do corpo. Esta disciplina urbana combina trucos de fútbol, baile, acrobacias e música para crear unha rutina dinámica co balón.

Tamén haberá actividades de parkour que é unha disciplina ou filosofía que consiste en desprazarse dun punto a outro o máis fluidamente posible, usando principalmente as habilidades do corpo humano, o que supón superar os obstáculos que se presentan no percorrido tales como valos, muros ou paredes. Esta disciplina está baseada na ximnasia tradicional do «Método Natural» de Hébert e utiliza os elementos arquitectónicos das cidades para poñer en práctica as habilidades físicas e mentais propias deste deporte urbano.

Actuación da orquestra París de Noia
A programación do domingo 19 de marzo comeza ás 11.30 horas coa charanga Os Atrevidos da Estrada. Farán un percorrido dende a rúa Curuxa ata a rúa do Buxo. Ás 12.00h volven os Cantos de Taberna co grupo Varacuncas de Rodeiro, que percorrerán as rúas dende a avenida Rosalía de Castro ata a Travesía da Moa. Ás 12.15 tamén haberá pasarrúas a cargo da agrupación cultural Os Castros de Ames. Esta actuación está organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Ames. Ás 12.30 haberá misa solemne na igrexa parroquial na honra de San Xosé, e ás 13.15 horas, celebrarase a sesión vermú na praza da Madalena con La Hora Bruja.

Xa pola tarde, ás 18.00 horas volve a música con La Hora Bruja na praza da Madalena. Para pechar as festas ás 20.00 horas entregaranse os premios da IX Festa das Tapas 2023 e ás 20.30 horas poderase gozar da actuación da orquestra París de Noia no aparcadoiro da rúa Agro do Medio.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Milladoiro honra ya a San Xosé con tapas, artesanía, cantos de taberna y música para todos"

La Voz de Galicia: "O Milladoiro celebra la Festa de San Xosé a lo grande y añade una ruta de tapas"

AMS GO!: "O Milladoiro celebra as festas de San Xosé"

Cartaz das festas do Milladoiro

Multimedia

  • Cartaz das festas do Milladoiro
  • Cartaz da primeira festa das peñas
  • Cartaz da xornada de cultura urbana