[17-03-2016] A Asociación de Festas do Milladoiro, coa que colaboran numerosos establecementos comerciais do núcleo urbano, organizou dous días de festa esta fin de semana para celebrar a festividade do patrón, San Xosé. O domingo celebrarase ademais a I Festa da Sopa do Cocido e o I Concurso de Sobremesas nas cafeterías do Milladoiro.
Ás 10:00h da mañá do sábado 19, día de San Xosé, os veciños e veciñas escoitarán as bombas de palenque que anuncian o día grande e as dúas xornadas festeiras por vir. A esa hora celebrarase ademais unha misa solemne no nome do patrón. A zona de celebración da festa situarase na rúa Costa Grande, onde se colocará unha carpa. Baixo ela actuarán os alumnos e alumnas da Escola de Música Allegro-T, en cuxas aulas se imparten leccións de distintos instrumentos, harmonía e linguaxe musical no Milladoiro. Ás 14:15 horas o grupo de Beatriz e o seu acordeón, "a raíña das festas asturianas", amenizará a sesión vermú.
Xa pola tarde, ás 19:30 horas, comezará a verbena con dous grupos distintos, ambos chegados de Asturias. A esa hora actuará de novo Beatriz e o seu acordeón, animando ás amesás e aos amesáns a achegarse á rúa Costa Grande para botar uns bailes. Ás 21:30 horas o público poderá gozar do directo dos seis compoñentes do grupo Assia, chegado de Xixón e con máis de vinte anos de concertos.
O domingo 20 continúa a festa con pasarrúas da Charanga Compostela, que percorrerá O Milladoiro a partir das 12:00 horas. Este día celebrarase a I Festa da Sopa do Cocido, para a que se colocarán mesas preto da carpa da festa. A degustación da sopa, que comezará ás 13:30 horas, será gratuíta. Ademais poranse á venda tapas de carne ao caldeiro con chourizo e patacas a un prezo de 3 euros. Pola tarde os establecementos participantes no I Concurso de Sobremesas ofrecerán aos clientes cafés e sobremesas elaborados especialmente para a ocasión. Entre os veciños e veciñas que se acheguen a degustalos realizarase un sorteo.
Pola tarde, os nenos e nenas serán os protagonistas da Festa musical infantil que amenizará o grupo Areal a partir das 18:30 horas. Para finalizar a fin de semana de festas anunciaranse as persoas gañadoras do sorteo do I Concurso de Sobremesas e nomearase ao establecemento gañador.
Festa das Tapas en abril
A Asociación Cultural A Madalena do Milladoiro organiza festas tamén no mes de abril. A primeira terá como motivo as tapas. Ao longo dos días 8, 9 e 10 de abril os establecementos colaboradores coa asociación ofrecerán aos seus clientes tapas a prezo de 3 euros, pedíndolles que degusten e escollan a mellor de todas. A música estará presente tamén ao longo deses tres días.
O grupo Tekila será o primeiro en tocar esa fin de semana no Milladoiro, a partir das 21:00 horas do venres 8. Trala súa actuación instalarase unha discoteca móbil na que se irán alternado distintos Dj's nacionais e internacionais. Nunhas mesas colocadas preto da carpa dos concertos servirase fabada de forma gratuíta, elaborada pola chef asturiana Paquita.
Sábado e domingo continuará a degustación de tapas coa animación musical de dúas charangas. O sábado 9 actuará a Charanga Os Atrevidos e o domingo 10 a Charanga Compostela.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/fiesta-cocido-sirvio-cerca-400-raciones-san-jose-milladoiro/idEdicion-2016-03-21/idNoticia-987069/"
La Voz de Galicia:"Mucha fiesta y un caldito en Milladoiro"




