Pestanas principais

O Milladoiro celebra este mércores as festas de San Xosé

Mércores, 19 de marzo de 2014

[19-03-2014] Este mércores, e con motivo da festividade de San Xosé, O Milladoiro celebra as súas festas patronais cunha programación de actividades que inclúen actos relixiosos, música, atraccións para os nenos/as e moita diversión. Estas festas volven a celebrarse despois de que o ano pasado non se realizasen. A recuperación desta festividade foi posible gracias á colaboración dos locais de hostalaría da zona e da asociación de festas do Milladoiro.

Todos os veciños e veciñas de Ames teñen este mércores unha cita no Milladoiro á que non poden faltar. Trátase da celebración das festas patronais de San Xosé, que este ano se volven a celebrar despois de que o ano pasado non houbese.

A festividade de San Xosé ponse en marcha xa ás 10:00 horas, co tradicional disparo das 21 bombas de palenque. Ás 13:00 horas haberá unha misa solemne. Pola tarde, ás 19:30 horas, celebrarase outra misa. Os actos relixiosos celebraranse na igrexa parroquial de San Xosé, que está situada na rúa Figueiras. Xa ás 13:45 horas comezará a sesión vermú a cargo da orquestra D Cine.

E como os cativos son uns dos que máis gozan nestas festas, non poden faltar as atraccións, que comezarán a funcionar a partir das 17:00 horas, na contorna da rúa Costa Grande. Dende as 19:00 hotras volve a música coa verbena que ofrecerá a orquestra D Cine. Ás 20:30 horas farase a presentación do Tour 2014 “Chegando máis lonxe” da orquestra Cuarta Calle de Oviedo.

O xoves está previsto que se celebre o Día do neno. A partir das 17:00 horas haberá atraccións infantís na contorna da rúa Consta Grande. Os rapaces e rapazas poderán gozar dunha oferta de 2x1 á hora de sacar entradas para as atraccións.

A recuperación desta festividade foi posible gracias á colaboración dos locais de hostalaría da zona e da asociación de festas do Milladoiro. Dende a Asociación de Festas do Milladoiro terase en conta que o xoves é xornada laboral polo que a festa non rematará moi tarde para permitir o descanso de todos os veciños e veciñas do Milladoiro. Este é un dos motivos polo que a festa comezará tan cedo.