Pestanas principais

O Milladoiro acolleu a Festa de Entroido na que participaron centos de persoas ataviadas cos seus disfraces

Luns, 03 de marzo de 2014

[03-03-2014] A pesar da chuvia que caeu este luns sobre O Milladoiro foron moitos os veciños e veciñas de Ames que saíron á rúa para participar na festa do Entroido, que se desenvolveu nunha carpa instalada no aparcadoiro da Travesía do Porto. Un total de 17 persoas participaron no concurso-degustación de receitas típicas de Entroido, mentres que no concurso de disfraces tamén houbo unha alta participación. Acudiron 8 grupos e 8 comparsas. Ademais, na categoría infantil houbo 21 inscritos e na de adultos rexistráronse 12 inscricións. Este ano incrementouse o importe dos premios do concurso de disfraces. O primeiro premio do concurso de disfraces na categoría de comparsas foi de 1.100 euros. Repartíronse 3.800 euros no concurso de disfraces e 750 euros no concurso de receitas de Entroido. A festa estivo amenizada pola charanga Rouba Bicos e pola orquestra Palladium.


Concurso-degustación de receitas típicas do Entroido
Por outra banda, ás 17:00 horas, comezou o concurso degustación de receitas típicas de Entroido. Primeiro realizouse a presentación dos pratos elaborados polos participantes no concurso gastronómico. Neste concurso houbo 17 inscricións. As receitas presentadas tiveron que ser obrigatoriamente típicas de Entroido. Unha vez que o xurado avaliou os pratos, o público asistente puido degustar os diferentes produtos presentados ao concurso gastronómico.

Dentro deste concurso houbo tres categorías. O premio do prato mellor elaborado foi para María Carmen Rey Castro, do Milladoiro, que obtivo 29 puntos coas súas Flores de Carnaval. Por outra banda, o premio do prato mellor presentado recaeu en Juan Manuel Bautis Otero, do Milladoiro, que elaborou unha Torta peliquiera. Este prato tamén obtivo un total de 29 puntos. Por último, o prato máis creativo foron as Hallacas á galega, que obtiveron 29 puntos, e foi elaborado por Marisol Fialli, da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro. O premio de cada unha das tres categorías estivo dotado con 250 euros.

O xurado do concurso-degustación estivo composto por Montserrat Álvarez, profesora do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, María Rey Fernández, profesora do centro de hostalaría de Lamas de Abade, e por Rosalina Martínez, mutricionista do Concello de Ames. Trala entrega de premios, foi a quenda da orquestra Palladium, que puxo música ao peche da festa de Entroido.





Gañadores do concurso de disfraces
Os gañadores do concurso de disfraces foron os seguintes. Na categoría infantil gañou o disfraz Made in Spain. Fábrica de chourizos, que recibiu un premio de 100 euros. No segundo posto quedou La heladera pavera, mentres que a terceira posición foi para O Chef do Entroido. O segundo clasificado foi premiado con 75 euros e o terceiro cun premio en metálico 50 euros.

Na categoría de adultos a gañadora foi A gran besta, que foi premiada con 200 euros. O segundo premio de 150 euros foi para Pepitas á pota. O terceiro e último premio desta categoría dotado de 75 euros, recaeu no Corvo reciclado. Na categoría de grupo gañou El Jorobado de Notre Dame, que obtivo un premio de 500 euros. Na segunda posición quedou o grupo Minions, que obtivo 300 euros, mentres a terceira posición foi para o grupo Robotmanía. Arma Troulas de Laraño, que levaron 150 euros.

Por último, na categoría de comparsas o premio de 1.100 euros foi para a comparsa En mareas misteriosas, de Vimianzo. O segundo premio de 600 euros recaeu na comparsa Fantasía Circo del Sol, de Tomiño, mentres que o terceiro premio de 500 euros foi para a comparsa Liñaio Wars. O xurado do concurso de disfraces estivo composto polo concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, a concelleira de Atención e Mediación Parroquial, Carmen Verde, e por María Dolores Varela, profesora do obradoiro municipal de manualidades.





O aparcadoiro da Travesía do Porto, que está situado no Milladoiro, foi o epicentro da festa de Entroido que organizou o Concello de Ames durante a tarde deste luns 3 de marzo. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Urbanismo, Alfredo Taboada, a concelleira de Atención e Mediación Parroquial, Carmen Verde, e varios concelleiros/as da corporación municipal tamén participaron na Festa de Entroido.

A animación comezou ás 16:00 horas coa actuación da Charanga "Rouba bicos", que se encargou de animar ao asistentes. Ás 18:00 horas comezou o desfile dos participantes polas rúas do Milladoiro. O desfile de disfraces, grupos e comparsas saíu da Travesía do Porto e discorreu polas rúas Pardiñeiros, Agro do Medio, Cereixos e rematou outra vez na Travesía do Porto.

No concurso de disfraces houbo unha alta participación. Na categoría infantil houbo 21 inscricións e na de adultos rexistráronse 12 inscricións. Ademais acudiron 8 grupos e 8 comparsas de lugares tan diversos como Tomiño, Ordes, Brión, Miño, Vimianzo, Paderne e Ames. En total rexistráronse 49 inscricións e participaron no desfile de disfraces, grupos e comparsas máis de 500 persoas.