[30-05-2012] O vindeiro domingo, 3 de xuño, o Pavillón de Deportes do Milladoiro acollerá a terceira edición do Encontro de Bolillos e Labores Artesanais, que organiza a Asociación Cultural A Silva en colaboración co Concello de Ames. O encontro comezará ás 10,00 horas e nel todas as persoas amantes deste tipo labores artesanais e tradicionais terán a oportunidade de intercambiar coñecementos e mostrar as súas creacións. Esta actividade estará aberta ao público en xeral e conta, a día de hoxe, con preto de 400 asistentes confirmados.
O terceiro encontro de palillos e labores artesanais reunirá a todas aquelas persoas que gozan realizando labores artesanais de todo tipo. O obxectivo principal desta xuntanza é o intercambio de aprendizaxes e a transmisión e divulgación de temas relacionados co encaixe de palillos e todo tipo de labores artesanais. Os asistentes poderán achegar as súas creacións para que todas as persoas que están interesadas neste labor artesanal poidan aprender as diferentes técnicas de elaboración.
A programación do encontro comezará ás 10,00 horas coa recepción de todos/as os/as participantes. A partir das 10,30 e ata as 14,00 horas desenvolverase a primeira parte deste encontro. Seguidamente, comezará o xantar de confraternidade. Para participar nesta comida é preciso comunicar asistencia con anterioridade. A reunión retomarase a partir das 16,00 ata as 19,00 horas. Ás seis da tarde levarase a cabo unha entrega de diplomas.
Obradoiros e agasallos
Durante todo o día celebraranse dous obradoiros. O primeiro será o de tecido con dedos, para o que haberá cinco grupos. Os horarios serán de 11, 12, 13, 16,30 e 17,30 horas. A duración será de 30 minutos e o máximo de alumnos por cada un é de 8 persoas. O custo é de 5 euros e a admisión realizarase por orde de inscrición.
O outro obradoiro será o chamado Mesturando novidades e celebrarase ás 11, 13 e 17 horas. A duración será de 45 a 60 minutos e o máximo de alumnos é de 6 persoas por grupo. O custo para esta actividade será de 15 euros.
Ao final deste encontro os/as participantes inscritos obterán un obsequio e poderán participar, ao longo do día, no sorteo de diversos agasallos. Os preto de 400 asistentes confirmados virán de todas partes de Galicia e mesmo de fóra, pero este encontro estará aberto ao público en xeral que desexe achegarse ata O Milladoiro. Para facilitar a asistencia, a Asociación Cultural A Silva habilitará un servizo de gardería para acompañantes, no que haberá xogos e prensa para que estean entretidos.
En definitiva, o terceiro encontro de palillos e labores artesanais é unha boa oportunidade para aprender e mellorar as técnicas relacionadas coa agulla, desenvolver capacidades artísticas e culturais, xestionar o intercambio cultural con outras asociacións e sobre todo unha boa ocasión para salvagardar as tradicións e oficios tradicionais.




