[10-10-2012] A área de servizo para autocaravanas do Milladoiro acollerá os días 12, 13 e 14 de outubro a cuarta xuntanza anual que celebra o Clube Camper Galicia (asociación que aglutina a usuarios de furgonetas tipo camper). A xuntanza conta co apoio do departamento de Turismo do Concello de Ames, que facilitou aos asistentes poder pernoctar na zona e empregar o uso do pavillón polideportivo, así como axuda para levar a cabo diferentes actividades turísticas.
En total, preto de 50 furgonetas de toda Galicia e máis de 90 persoas entre adultos e nenos participarán neste encontro anual que en 2012 se celebra no Milladoiro. O programa de actividades comezará o venres, 12 de outubro, coa recepción das furgonetas e cunha comida comunitaria. Seguidamente, iniciarase unha ruta de Riamontes, de catro quilómetros de percorrido. Pola tarde, a partir das 20:00 horas, os participantes no encontro asistirán á representación dunha obra de teatro na Casa da Cultura do Milladoiro. Para rematar o día, levarase a cabo unha cea comunitaria e despois haberá música a cargo do DJ Freddy's, furgoneteiro que colabora coa súa música en cada unha das xuntanzas.
Na xornada do sábado, os participantes na IV xuntanza anual do Club Camper Galicia visitarán Pontemaceira e farán un percorrido turístico pola zona. Despois, comerán todos xuntos na área recreativa de Tapia e a partir das 16:00 horas farán una pequena ruta de piragüismo, que é posible grazas á colaboración do club de piragüismo Riberas do Tambre. Neste día, os socios e socias do Club Camper Galicia celebrarán a súa asemblea anual e a continuación asistirán a unha actuación de música e danza. Ademais, exhibirase o vídeo anual do club, no que se recollen en fotografías todas as actividades que se levaron a cabo ao longo do ano.
Por último, o domingo, 14 de outubro, haberá unha xornada de portas abertas en Bertamiráns, onde todas as persoas que estean interesadas en coñecer este mundo poderán facelo e recibir explicacións dos propios furgoneteiros. As furgonetas estarán estacionadas ao mediodía diante do Pazo da Peregrina, na Avenida José Luís Azcarraga. Despois, os participantes na xuntanza farán unha visita ao Pazo da Peregrina, darán un paseo por Bertamiráns e farán unha ruta gastronómica.
A celebración dunha xuntanza anual permite ao Club Camper Galicia ensinar as furgonetas ás persoas que estean interesadas, dar a coñecer á xente e ás institucións o mundo das furgonetas empregadas como vehículos-vivenda e facer turismo. Neste encontro participarán, ademais, persoas chegadas desde diferentes puntos como Asturias, León, Madrid ou País Vasco. Esta cuarta xuntanza é continuación das celebradas en Guitiriz, Ponte Caldelas e Cuntis. O clube reúne a cerca de 80 furgonetas de toda Galicia.




