[28-04-2015] O Concello de Ames celebrou esta mañá a Mesa Local de Comercio, unha xuntanza á que asistiron representantes da administración local e das catro asociacións de profesionais e comerciantes municipais. Ademais, tamén acudiu María Carmen García, da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, e Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia.
Na reunión aprobouse por unanimidade a celebración da XI Feira do Comercio Val da Maía, que terá lugar no polideportivo do Milladoiro entre os días 12 e 14 de xuño. Organizada pola Asociación de Empresarios do Milladoiro e coa colaboración do Concello de Ames, contará coa participación de todos os establecementos locais pertencentes ao colectivo de comerciantes amesán.
Estímase que ao evento acudan un total de corenta expositores de artesanía, téxtil, calzado, electrónica ou fogar, que ocuparán unha superficie de 1.000 metros cadrados. Os asistentes á XI Feira do Comercio Val da Maía poderán mercar diversos produtos aos mellores prezos e gozar dunha ampla oferta lúdica e gastronómica –haberá postos de comidas, cafeterías e servizo de gardaría, entre outros–.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Milladoiro acogerá del 12 al 14 de junio la Feira do Comercio Val da Maía"




