- Tematica
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu hoxe unha das actividades programadas polo Concello en conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, as XV Xornadas Achégate á igualdade, que este ano tiveron como lema Nin mercadoría nin silencio: xornadas contra a trata e a explotación sexual. As xornadas comezaron cunha mesa de apertura institucional na que participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Educación, Mocidade e Mobilidade, Beatriz Martínez, e a deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García. Ditas xornadas estiveron protagonizadas por Mabel Lozano, Silvia Pérez e Llerena Pedrozo, que impartiron distintos obradoiros e faladoiros.
Na mesa de apertura institucional, o alcalde, Blas García, comezou dicindo que “a loita contra a violencia machista non debe de ter cores políticos e estas xornadas é un bo exemplo porque distintos grupos políticos participaron na organización das mesmas. Por iso é importante que manteñamos todos e todas a unidade de traballo en favor da igualdade e contra a violencia machista”. Ademais destacou “a implicación que deben ter os homes nesta loita por erradicar a violencia de xénero e máis nunha xornada como a de hoxe na que se aborda a trata e a explotación sexual. Hai moito camiño que percorrer neste eido e os homes debemos de ser parte del e facer ese camiño homes e mulleres xuntos. Tamén quero poñer o foco en que xa é necesario que haxa unha lei sobre a abolición da prostitución e contra a trata de persoas”.
A concelleira de Educación, Mocidade e Mobilidade, Beatriz Martínez, interviu en representación da concelleira de Igualdade, Uxía García, que non puido asistir ás xornadas por motivos persoais. “Baixo o lema Nin mercancía nin silencio, estas xornadas nacen co propósito de romper o ruído cómodo da indiferenza e de poñer luz sobre unha realidade que segue atrapando a milleiros de mulleres e nenas. Porque ningún corpo é unha mercancía e porque o silencio social sempre favorece aos verdugos, nunca ás vítimas. No marco do programa Achégate á Igualdade, ábrese hoxe un espazo de reflexión, de aprendizaxe e de compromiso para analizar o sistema de prostitución, comprender os mecanismos da trata e, sobre todo, reivindicar os dereitos, a dignidade e a liberdade das mulleres que sofren esta violencia”.
Pechou a quenda de intervencións institucionais a deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García, que puxo en valor “o traballo que se realiza nos CIM dos Concellos, xa que están velando e informando constantemente sobre as actividades e técnicas que existen para combater a violencia de xénero”. Ademais, destacou que “durante as quince edicións destas xornadas consolidouse unha mensaxe clara sobre que en Galicia non imos tolerar a trata nin a explotación sexual. A trata de persoas non é unha realidade afastada nin abstracta, é unha vulneración directa dos dereitos humanos que se produce aquí no noso territorio e que se mantén grazas ao silencio, á desigualdade e á normalización da violencia. Por iso hoxe estamos aquí para deixar claro que as institucións temos a obriga de poñerlle nome ao que algúns prefiren ocultar, a obriga de protexer, actuar e non permitir que ningunha vida sexa convertida nunha mercancía, a obriga de dicir con claridade que non hai consentimento posible cando hai explotación”.
Ponte na súa pel, a cargo de Mabel Lozano
O primeiro obradoiro que se impartiu foi Ponte na súa pel, a cargo de Mabel Lozano, que é escritora, directora de cinema, actriz e activista española coñecida polo seu labor de denuncia social contra a trata e a explotación sexual de mulleres.
A intervención de Mabel Lozano xirou arredor da trata sexual, expoñendo ao público todo o proceso levado a cabo polos explotadores para efectuala e as maneiras máis comúns de traballar: a captación de mulleres en situación de vulnerabilidade prometéndolles un futuro irreal, o secuestro en pisos ou prostíbulos e a posterior explotación sexual en contra da súa vontade e co risco constante de ser extorsionadas, vexadas ou incluso asasinadas. Un remuíño do que é moi difícil escapar.
Para ilustrar o seu relatorio, a activista expuxo nove campañas de concienciación e un documental dun caso real (co que gañou o seu primeiro premio Goya) nos que se trataban as diferentes formas nas que as mulleres son captadas, como a pornografía, as redes sociais ou plataformas como OnlyFans, que prometen ingresos fáciles a cambio de prácticas aparentemente liberalizadoras para as mulleres, pero que rematan por ser unha trampa con difícil escapatoria para as vítimas. Aínda que máis difícil de ver, os homes tamén son susceptibles desta trata para consumo doutros varóns, polo que a relatora quixo visibilizar que o verdadeiro problema da prostitución e a trata reside nos demandantes: os propios homes.
Na súa intervención tamén houbo un pequeno espazo para abordar as problemáticas da pornografía, unha problemática real nos rapaces máis novos ante o seu fácil acceso e súa capacidade para desenvolver condutas violentas e de poder sobre as mulleres. Todo, nun contexto moi delicado: desde o 2010, en España rexistráronse máis de 120 manadas. “O porno é un incentivo á prostitución”, dixo tallante.
Faladoiro Desvelando mitos da prostitución e a trata sexual
Posteriormente, impartiuse o obradoiro Desvelando mitos da prostitución e a trata sexual, a cargo de Silvia Pérez Freire e Llerena Pedrozo Porteiro. Silvia Pérez Freire é doutora en socioloxía e profesora da Universidade de Vigo, investigadora social especializada en violencia de xénero e co-fundadora da rede galega contra a trata. Llerena Perozo Porteiro é escritora, produtora audiovisual e teatral. Ademais, ten unha longa traxectoria profesional no ámbito da cultura, igualdade, medio ambiente e ecofeminismo.
Ambas relatoras quixeron deconstruír e analizar o relato hexemónico e dominante arredor da prostitución e a trata sexual, sacando a colación o problema da violencia cultural e estrutural, moi difícil de detectar e que xera máis perigo, incluso, que a violencia directa.
As relatoras estableceron unha comparativa entre as frases máis utilizadas para xustificar a violencia machista e o consumo de prostitución. Sentenzas como “ninguén as obriga” ou “se seguen aí é porque tamén lles gusta” on comunmente utilizadas en ambas situacións, poñendo de manifesto que a prostitución non deixa de ser unha forma máis de violencia contra as mulleres.
Na súa intervención, tamén se fixo mención á dificultade engadida de facer fronte á violencia machista en todas as súas vertentes no eido rural. Os núcleos de poboación máis pequenos tenden a silenciar máis estes actos pola estigmatización da vítima, que sente vergoña de denunciar, e tamén polo branqueamento aos agresores por parte das súas persoas achegadas e demais veciñanza ao seren todos estreitamente coñecidos. Nas cidades e núcleos de poboación máis amplos esa vergoña a denunciar é algo menor, máis tamén existe.
Nun contexto social no que o mundo dixital ten presenza absoluta e “todas somos prostituibles”, as conferenciantes quixeron concienciar ao público das ameazas que, neste senso, presenta a rede cara ás mulleres.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames achégase á igualdade e alza a voz contra a explotación sexual e a trata"





















