[06-08-2011] No marco das festas da Madalena celebrase, un ano máis, o Torneo de Chave da Madalena. Este sábado 6 de agosto na eira deportiva do Milladoiro todas aquelas persoas que o desexen poderán participar ou ben admirar este deporte tradicional que, arestora, se atopa nunha situación de crise debido a que as novas xeracións non o practican. A partir das cinco da tarde, aquelas persoas que queiran xogar a chave poderán inscribirse neste campionato por parellas cuxa finalidade é conseguir o divertimento dos asistentes e, a súa vez, conservar esta práctica deportiva. O concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, será o encargado de entregar os trofeos á primeira e segunda parella con mellor clasificación na táboa.
O Concello de Ames organiza ao ano múltiples torneos de chave para conseguir que este deporte tradicional non desapareza. Un destes campionatos é o Torneo de Chave da Madalena que se celebra no marco das festas do Milladoiro. Por sétimo ano consecutivo, xa que este evento vense realizando dende o ano 2005, os afeccionados á chave poderán gozar dunha intensa xornada na que este xogo se converte, por un día, na estrela principal.
Na pasada edición, os participantes no torneo mostraron as súas habilidades e a súa puntaría e converteron o xogo un campionato de alto nivel onde Manuel Rial e Camilo Rodríguez se situaron no primeiro posto converténdose nos gañadores absolutos do VI Torneo de Chave da Madalena. Coa colaboración da Concellería de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, os organizadores do campionato esperan que o nivel se manteña igual de alto que na edición pasada e desexan lograr que a chave adquira maior relevancia no panorama deportivo do municipio amiense.
Porén, esta nova edición do Torneo de Chave da Madalena non é o único evento no que este deporte tradicional se sitúa na cabeceira deportiva. Durante a celebración das festas da Peregrina, o sábado 13 de agosto, desenvolverase o XV Torneo de Chave por parellas da Peregrina na eira deportiva de Bertamiráns. Por outra banda, o concello tamén organiza a Copa de Chave 2011 por grupos que se celebrará o 20 de agosto no bar A Granxa en Ortoño e que conta con 5 equipos participantes.
Festas en Tapia
A parroquia de Tapia acolle esta fin de semana a festividade en honra ao san Roque e o Sacramento. Na igrexa de San Cristovo de Tapia celébrase o sábado, ás 12.30 da mañá, unha misa e posterior procesión onde os veciños/as de Tapia honran a san Roque. Por outra banda, a mesma hora do domingo, terá lugar a misa cantada e procesión na que se honra o Sacramento.
Festas e múltiples actividades de entretemento como o torneo de chave constitúen a oferta lúdica desta fin de semana onde o municipio amiense goza de baile, música, gastronomía, xogos e moitas outras opcións de lecer.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Los aficionados a la chave se medirán en el torneo de Ames"




