Pestanas principais

O Milladoiro acolle o festival Boom Clap Cultura Urbana o sábado 20 de outubro

Luns, 15 de outubro de 2018

[15-10-2018] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), organiza o festival de cultura urbana Boom Clap, que terá lugar na área deportiva do Milladoiro o sábado 20 de outubro. Durante a xornada, que se estenderá das 12.00 ás 24.00 horas, realizaranse diversas actividades como obradoiros, competicións de rap, exhibición de grafitte ou quedadas de skate e parkour. Tamén se contará coas actuacións dos subcampións da DMC, DJ Mil e DJ Webo.

A área deportiva do Milladoiro acollerá o vindeiro sábado, 20 de outubro, o festival Boom Clap Cultura Urbana. Así, ao longo de todo o sábado, realizaranse diversas actividades como grafite, parkour ou skate, e diferentes obradoiros participativos para a mocidade. Todo elo co obxectivo de achegar a cultura urbana á quen se anime a achegarse ao recinto entre as 12.00 e as 24.00 horas, con independencia da súa idade.

Desta maneira, celebraranse quedadas para practicar skate, parkour e baile. Para isto, habilitaranse diferentes módulos formados por rampas, caixóns e raíles para realizar skate, ademais dunha estrutura estable configurada por cubos de distintas dimensións, travesos, pirámides, rampas e pedestais para a práctica do parkour, que se completará con un espazo de zonas acolchadas próximo ao parque móbil, para a práctica de saltos e rodamentos. O parkour consiste en desprazarse dun punto a outro de maneira fluída e superando os obstáculos que se presentan no percorrido, apoiándose por completo nas habilidades do corpo.

Por outra banda, realizaranse diversos obradoiros de actividades tan coñecidas como o parkour, skate, ou grafitte, no que se busca ensinar a comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións a través da pintura con sprai. Ao mesmo tempo, tamén terán collida disciplinas menos coñecidas como o turntablism dj, unha disciplina practicada polos Djs de hip-hop, que consiste en mover un disco de vinilo sobre o prato do tocadiscos para crear distintos ritmos, ou o slackline, no que os participantes poderán experimentar a sensación de desprazarse sobre un soporte móbil en suspensión ao tempo que se descobren novos trucos e métodos para facelo.

Ao longo da xornada, tamén se celebrará unha exhibición de grafitte, na que se realizará unha pintura mural temática de 40 metros, pintada a esprai sobre a parede do Pabillón Municipal de Milladoiro. Ademais, a partir das 18.00 horas, celebraranse as “batallas de galos”, unha competición baseada nunha serie de enfrontamentos no que o protagonista é o rap. O gañador farase con un premio de 150€, mentres que o segundo e o terceiro posto accederán a un premio de 100 e 50 euros respectivamente. Para participar nestas batallas verbais será necesario inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico batalladegalos.ames@gmail.com.

Tamén haberá un oco para quen prefira actuar fóra das batallas de galos, durante o espazo adicado a micro libre e actuacións locais, que estará aberto a todos/as aqueles/as que prefiran intervir sen a presión da competición. De seguido, o punto e final do festival porano as actuacións dos subcampións da Disco Mix Club Spain, DJ Mil e DJ Webo, que se estenderán das 22.00 ás 24.00 horas.

Contido relacionado


Ames Go: "O Milladoiro acolle o festival Boom Clap Cultura Urbana o sábado 20 de outubro"
Compostela 24 horas: "Chega a Milladoiro "Boom Clap Cultura Urbana" este sábado 20 de outubro”
La Voz de Galicia: "Doce horas de cultura urbana este sábado con el Festival Boom Clap"
Lundeiros: "A Cultura Urbana este sábado en Ames co evento Boom Clap"
El Correo Gallego: "Festival amesán de cultura urbana con pelexa de galos e obradoiros para os DJ"