Pestanas principais

O Milladoiro acolle o Campionato de España absoluto de squash

Luns, 12 de febreiro de 2024

As instalacións do Squash Club Santiago do Milladoiro acolleron as finais do Campionato de España absoluto de squash, nas que se proclamaron gañadores/as; a galega Marta Domínguez, na categoría feminina, e mailo catalán Iker Pajares, na categoría masculina. O alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro de Urbanismo, Administración xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, asistiron ás finais de dito campionato e ao acto de entrega de premios.

O Campionato de España absoluto de squash disputouse esta fin de semana na localidade amesá do Milladoiro. Isto foi posible grazas ao Squash Club Santiago do Milladoiro e ao director do torneo, Jesús Souto. O campionato xuntou en Ames aos 60 mellores xogadores/as nacionais que competiron nas categorías masculina e feminina. O torneo disputouse dende o pasado venres nas catro pistas que dispón o Squash Club Santiago do Milladoiro.

A fase previa disputouse o pasado venres. De dita fase previa saíron 8 xogadores que se enfrontaron aos 8 cabezas de serie. Partían como favoritos Iker Pajares, na categoría masculina, e Marta Domínguez, na categoría feminina. Ambos os dous cumpriron os prognósticos e gañaron un novo título nacional absoluto.      

Deste xeito, na categoría feminina, a galega Marta Domínguez conseguiu o seu segundo título absoluto nacional ao vencer na final por 3-0 a Pilar Etchechoury. Previamente, impúxose a Montse Fajardo e Icía Rivero tamén por 3-0 en ambos os dous partidos. A terceira posición foi para a tamén galega, Icía Rivero.

Na categoría masculina o titulo foi para o catalán Iker Pajares, que suma o seu terceiro título nacional. Na final impúxose ao tamén catalán, Bernat Jaume, por 3-1. Previamente gañoulle a Pablo Quintana por 3-0 e a Robertino Pezzota por 3-1. Completou o podio Iván Pérez, que gañou o partido para determinar o terceiro posto do campionato ao vencer a Robertino Pezzota.

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro de Urbanismo, Administración xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, asistiron ás finais de dito campionato e ao acto de entrega de premios.

O rexedor municipal destacou “é un pracer contar cun evento deste nivel en Ames, polo que é necesario felicitar a Jesús, Manuel e Miguel, e ao sempre activo Borja Golán. Grazas por convidarme a asistir á final e comprobar a beleza e a dureza deste deporte que será olímpico no 2028. Felicitar aos participantes, e en especial aos gañadores: Marta Domínguez e Iker Pajares”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Marta Domínguez e Iker Pajares hacen buenos los pronósticos y ganan el título nacional de squash" 

Ames Go: "Ames acolleu o Campionato de España absoluto de Squash"

O Milladoiro acolle o Campionato de España absoluto de squash

Multimedia

  • O Milladoiro acolle o Campionato de España absoluto de squash
  • O Milladoiro acolle o Campionato de España absoluto de squash
  • O Milladoiro acolle o Campionato de España absoluto de squash