[26-05-2017] O domingo, 4 de xuño, o pavillón polideportivo do Milladoiro acolle a oitava edición do encontro de bolillos e labores artesanais, que organiza a Asociación Cultural A Silva en colaboración co Concello de Ames. O encontro comezará ás 10:00 horas e nel todas as persoas amantes deste tipo labores artesanais e tradicionais terán a oportunidade de intercambiar coñecementos e mostrar as súas creacións. Esta actividade está aberta ao público en xeral, a grupos de palilleiras e a asociacións.
O oitavo encontro de bolillos e labores artesanais reunirá a todas aquelas persoas que gozan realizando labores artesanais de todo tipo. O obxectivo principal desta xuntanza é o intercambio de aprendizaxes e a transmisión e divulgación de temas relacionados co encaixe de palillos e todo tipo de labores artesanais. Os asistentes poderán achegar as súas creacións para que todas as persoas que están interesadas neste labor artesanal poidan aprender as diferentes técnicas de elaboración.
A programación do encontro comezará ás 10:00 horas coa recepción de todos/as os/as participantes. Dende ese momento e ata as 14:00 horas desenvolveranse as actividades de palillada. Ao mediodía farase un descanso de dúas horas para comer. O encontro retomarase a partir das 16:00 horas. Pola tarde desenvolverase a entrega de diplomas a todas as asociacións participantes neste encontro. Ademais, ao longo de toda a tarde realizarase o sorteo de varios agasallos. O encontro rematará sobre as 19:00h co acto de clausura.
Este encontro está aberto ao público en xeral, que desexe achegarse ata o pavillón do Milladoiro, para ver a exposición de traballos que se realizará e comprobar de primeira man como traballan as palilleiras. Polo tanto a entrada é libre e totalmente gratuíta. A organización daralle un obsequio a todos os participantes. Asemade, cómpre salientar que non se permitirá a venda de ningún tipo de material ou produto fóra dos postos específicos de venda.
En definitiva, o oitavo encontro de palillos e labores artesanais é unha boa oportunidade para aprender e mellorar as técnicas relacionadas coa agulla, desenvolver capacidades artísticas e culturais, xestionar o intercambio cultural con outras asociacións e sobre todo unha boa ocasión para salvagardar as tradicións e oficios tradicionais. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 607 769 830 (preferiblemente en horario de tarde) ou enviar un correo electrónico ao enderezo asociacionasilva@gmail.com.