[01-01-2015] A Asociación Profesional de Comercio Ambulante e Comercio en Prazas de Abastos de Galicia (ACAPAG), en colaboración co Concello de Ames, organizaron para mañá venres un mercado extraordinario de Ano Novo. Desenvolverase, entre as 9:00 e as 15:00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto, que está situado ao carón do centro comercial Novo Milladoiro.
Con esta iniciativa preténdese potenciar o nivel de ventas durante a época de Nadal. Haberá máis de corenta postos de produtos varios como calzado, bixutería, marroquinería, roupa, alimentación, produtos de horta e repostería. O Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción económica, colabora coa ACAPAG –que ten a súa sede no polígono empresarial do Milladoiro– cedéndolle o espazo onde se desenvolverá o mercado.




