- Tematica
O campo de fútbol do Milladoiro acolleu a presentación da I Batalla de Porteiros Arexia KG, organizada pola tenda de material deportivo que recibe o mesmo nome, en colaboración co Concello de Ames. Esta, será unha competición específica para porteiros en formato enfrontamentos directos que se celebrará os vindeiros 27 e 28 de xuño no campo de fútbol do Milladoiro, e está deseñada para darlles protagonismo, visibilidade e unha experiencia diferencial aos futbolistas que xogan nesta posición.
Esta semana presentouse a primeira edición da Batalla de Porteiros organizada pola tenda deportiva Arexia KG. Unha actividade orientada aos porteiros de fútbol dende benxamín ata sénior, cuxo obxectivo é outorgarlles un espazo de competición específica en formato de enfrontamento directo, combinando parada, reacción, toma de decisión e finalización de xogadas.
Durante o acto de presentación estiveron presentes, expoñendo a estrutura deste evento deportivo, a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o técnico de Deportes, Alberto Viaño; o presidente da SD Milladoiro, José Manuel Dacosta; e representantes da entidade organizadora do evento Arexia KG.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, sinalou que dende a súa concellería apoian “todas aquelas disciplinas que se poden encadrar nun deporte”. Señorís incidiu na importancia desta competición, na que se “traballan situacións reais de xogo” e que ademais “é moi visual e serve como experiencia deportiva dinámica e atractiva para todo o público”.
I Batalla de Porteiros Arexia GK
A Batalla de Porteiros impulsada por Arexia GK é unha competición específica para porteiros en formato de enfrontamentos directos, deseñada para darlles a estes xogadores protagonismo, visibilidade e unha experiencia diferencial dentro do fútbol base e afeccionado. Durante o evento, deberán enfrontarse a situacións reais do xogo, como paradas, reaccións, toma de decisións e finalización de xogadas.
A meirande parte de eventos futbolísticos centran a atención nos xogadores de campo. Este proxecto pon o foco nunha figura moi específica e con gran identidade propia como é o porteiro. Dende a categoría benxamín ata sénior (masculina e feminina), os porteiros e porteiras participantes gozarán dunha experiencia única que mestura competición con divertimento.
Para poder participar, haberá dous packs de inscrición: o primeiro, cun custo de 30 euros, inclúe unha camiseta e merenda, mentres que o segundo, cun prezo de 65 euros, amais de todo o anterior tamén inclúe unhas luvas N1 Goalkeeper valoradas en 60 euros. Para cada grupo, como mínimo, deberán reunirse oito xogadores. No caso das categorías femininas, se non se reúne ese número, incluiranse dentro do grupo masculino, conformando deste xeito unha categoría mixta. As inscricións deberán facerse a través do código QR do cartel.
Durante todo o transcurso da competición, estará habilitado un espazo con comida e bebida a prezos populares. Ademais, a I Batalla de Porteiros contará cun fotógrafo oficial.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "O Milladoiro acolle I Batalla de Porteiros Arexia GK"
La Voz de Galicia: "Este santiagués reivindica a los olvidados del fútbol con una batalla de guardametas en Ames"






