[22-02-2019] O Club de Patinaxe Artístico Omega e a Federación Galega de Patinaxe organizan esta fin de semana a primeira edición do Trofeo Xunta Programas Longos de Patinaxe Artística, que conta coa colaboración do Concello de Ames. Durante o evento deportivo, que terá lugar o sábado e o domingo no pavillón municipal do Milladoiro, participarán un total de 80 patinadores e patinadoras das categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil, júnior e sénior. Ames será representado por nove patinadoras/es amesás.

O pavillón municipal do Milladoiro acolle esta fin de semana, 23 e 24 de febreiro, o I Trofeo Xunta de Patinaxe Artística, organizado polo Club de Patinaxe Artístico Omega e a Federación Galega de Patinaxe. A competición, de carácter nacional, conta coa participación dun total de 80 patinadores e patinadoras de entre 8 e 26 anos que, nos vindeiros meses, se enfrontarán as competicións provinciais, galega e española. Deles, nove son veciños e veciñas de Ames, e pertencen aos clubs Omega e Sarela, nas categorías: alevín (1), infantil (5) e cadetes (3).
Durante o primeiro día da proba, que terá lugar o sábado a partir das 10.00h, competirán as categorías benxamín, alevín e infantil. Así, a primeira hora estará adicada ao adestramento oficial, no que os/as participantes farán unha proba de pista e de rodas para entrar en contacto co espazo onde se desenvolverán as probas. A continuación, entre as 11.00 e as 14.00h, terá lugar a competición de ditas categorías. A xornada vespertina, por outra banda, comezará ás 16.00h e, ao igual que a da mañá, contará cun tempo de quecemento de media hora. De seguido, competirán os participantes da categoría cadete, en horario de 16.30 a 19.30h. Entre as 19.30 e as 20.00h realizarase a entrega de premios das categorías disputadas ao longo do día.
Por outra banda, a xornada do domingo estenderase de 9.30 a 14.00h, e comezará cunha primeira media hora adicada ao adestramento oficial. A continuación, de 10.00 a 14.00 horas, desenvolveranse as competicións das categorías xuvenil, júnior e sénior. Ao rematar, entregaranse os premios de ditas categorías e realizarase a clausura do evento.
O evento conta coa colaboración do Concello de Ames, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e a Fundación Deporte Galego, a Cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro e Base Centro Deportivo.





