Pestanas principais

O Mesón In Vino Veritas foi o local hostaleiro máis votado pola clientela que participou no Roteiro dos Petiscos

Martes, 04 de decembro de 2012

[04-12-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte o sorteo de agasallos entre as máis de 2.500 persoas que realizaron algunha compra nos comercios adheridos á Festa do Comercio e as que completaron o libriño do Roteiro dos Petiscos. Ademais, deuse a coñecer que o Mesón In Vino Veritas foi o local hostaleiro máis votado pola clientela que participou no Roteiro dos Petiscos. Este establecemento recibirá un diploma acreditativo e un premio en metálico de 200 euros. A entrega dos premios será o venres 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Casa do Concello coincidindo co acto de acendido da iluminación de Nadal.

Xa se coñecen os nomes das persoas agraciadas cos premios da Festa do Comercio e o Roteiro dos Petiscos, que se celebrou en Bertamiráns entre os días 9 e 18 de novembro. O Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), organizadores destas iniciativas, realizaron onte, ás 19:00 horas, un sorteo público no que contaron coas mans inocentes das persoas que se atopaban nese intre na Casa da Cultura de Bertamiráns. Estes veciños e veciñas foron os encargados de extraer entre as máis de 2.500 papeletas os datos das persoas afortunadas con algún dos 18 premios que se sorteaban.

Neste acto estiveron presentes o concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, o presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Juan Carlos Zaera, e varios técnicos/as municipais. De acordo coa Lei Orgánica de Protección de Datos non se pode facer pública a identidade das persoas gañadoras, pero ao longo desta semana dende a organización poñeranse en contacto con todos os e as premiadas para comunicarlle o agasallo que lles corresponde.

Os premios que se sortearon foron un televisor de 42 pulgadas de Milar Reyca; dúas entradas para un circuíto termal no Hotel Balneario de Compostela; unha estancia nunha Casa de turismo rural na Casa do Fidalgo; un xamón reserva da carnicería Corzán; un lacón asado de Coren Grill; un vale de 40 euros no Asador Bidueiro; un menú de fin de semana para dúas persoas no Tropic Burguer; un vale dun euro diario durante un mes na panadería Xallas; un vale de 40 euros en Blanco & Negro; unha sesión de estudio e seis fotos en J. Troitiño; unha sesión de fisioterapia na Clínica Domingo Antón; un vale de 30 euros na carnicería Suso; unha sesión de tratamento, corte e secado en Susana Bello Peluquería; unha almofada de viaxe de Sant-Yago Promociones; tres cursos de persoal shopper online de somosasesoresdeimagen.com; e un mes de clases de inglés na Charles Dickens Academy.

Establecemento hostaleiro máis votado pola clientela
Por outra banda, neste acto fíxose público o nome do establecemento que recibiu máis votos entre as persoas participantes no Roteiro dos Petiscos. Trátase do Mesón In Vino Veritas que recibirá un diploma acreditativo e un premio en metálico de 200 euros. Debido ao disputado e axustado resultado que se produciu no reconto das papeletas, así como o escaso número de votos que separan aos tres locais hostaleiros que recibiron maior recoñecemento por parte da clientela, o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns decidiron gratificar cun diploma acreditativo aos locais hostaleiros A Charca e Parada 8. Todos eles xunto coas persoas agraciadas no sorteo recibirán os seus premios o próximo venres 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Casa do Concello coincidindo co acto de acendido da iluminación de Nadal.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Mesón In Vino Veritas foi o local máis votado no Roteiro de Petiscos"