[04-03-2017] A Concellería de Educación e Cultura comenza o mes de marzo con novas sesións de contacontos nas bibliotecas de Ames, continuando así, a programación que se viña desenvolvendo durante o ano pasado. Por outra banda, amplíase a oferta de “Animación á lectura” ás parroquia de Augapesada e Bugallido, debido ao éxito de participación acadado nas sesións celebradas nos pasados meses de xaneiro e febreiro. As sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.
As actividades de animación á lectura que organiza a Concellaría de Educación e Cultura amósalles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Esta programación de contos vaise a desenvolver ata finais do mes de maio. Así, cada mes haberá catro sesións de contos nas bibliotecas de Ames (dúas na biblioteca do Milladoiro e dúas en Bertamiráns), ao igual que nos locais sociais de Augapesada, onde haberá contos dous luns ao mes, e no local social de Bugallido, onde esta programación realizarase dous martes ao mes.
Este mes a programación de Animación á lectura comeza este luns, 6 de marzo, no local social de Augapesada, baixo o título Unha de tesouros. Esta sesións repítense o luns 13 no mesmo local social coa temática de Animaliños. Por outra banda, os martes 7 e 21 de marzo tamén haberá contacontos no local sociocultural de Bugallido, onde as sesións se centrarán nos contos: Que contan as ovellas para durmir e Frederick. Estas actividades desenvolveranse a partir das 18:15 horas.
Durante este mes nas bibliotecas de Ames tamén haberá sesións de animación á lectura. O mércores, 8 de febreiro, a biblioteca do Milladoiro, acolle un sesión de contacontos baixo o título Princesas sen coroa: nenas moi listas que non queren ser princesas. Esta sesión repítense o xoves 9 na biblioteca de Bertamiráns. Os contos volverán a biblioteca de Bertamiráns o mércores 22 e a do Milladoiro o xoves 23 de marzo. Neste caso baixo o título Nenos do mundo e animais peculiares: contos sobre as diferenzas. As sesións de contos comezarán as 18:00 horas.
Durante este curso os contos non se centran nunha única temática, senón que durante cada mes abordaranse temas distintos, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Así os máis pequenos e pequenas de Ames, ademais de fomentar o gusto pola lectura e favorecer o desenvolvemento da linguaxe, poderán promover a educación igualitaria e en valores, ao igual fortalecer o desenvolvemento cognitivo, e gozar xunto coas súas familias dun tempo de lecer.




