Pestanas principais

O mercado de troco chega esta fin de semana a Bertamiráns e Milladoiro

Venres, 16 de decembro de 2011

[16-12-2011] O Concello de Ames organiza un Nadal máis un mercado de troco. Este ano será o día 17 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns e o día 18 na Casa da Cultura de Milladoiro. O horario no que as persoas poderán depositar aqueles obxectos que desexen trocar (ferramentas, electrodomésticos, libros, xoguetes...) será dende as 11.00 horas ás 14.00 e dende as 16.00 ás 17.00 horas. Cando deixen o seu obxecto ou obxectos unha persoa daralles un número para o sorteo da tarde. A partir das 17.00 horas comezará o troco dos obxectos, que os participantes depositaron previamente. Para iso iranse sorteando os obxectos segundo a orden que vaian saíndo os números.

O troco é un invento tan antigo como a roda e existe dende tempos ancestrais. O ser humano sempre tivo a necesidade de cambiar aqueles obxectos que posuía, pero que non necesitaba, por aqueles outros que realmente desexaba. No comercio intercámbiase materia prima por artigos artesáns. Nos pequenos mercados era onde tiña lugar o verdadeiro troco e era alí onde se podían adquirir todo tipo de utensilios como as ferramentas de sílex, lanzas, zapatos, colares e ata produtos agrícolas.

Esta práctica tradicional segue estando vixente na nosa vida, e quizais máis que nunca, xa que todos temos unha gran variedade de obxectos nas nosas casas que non precisamos e mediante o troco pódense obter outros aparellos de maior utilidade para cada un. Co motivo de facerlle comprender á veciñanza amiense que este tipo de mercado é tan válido e útil coma calquera outro, celébrase esta actividade que terá lugar o sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo na Casa da Cultura de Milladoiro.

Os veciños e veciñas que queiran participar no mercado de troco poderán deixar todos os obxectos que queiran. . Nese mesmo intre asignaráselle un número que lle servirá para facer o troco por outro utensilio. Esta actividade está dirixida a todos os públicos e poderán entregarse xoguetes, ferramentas, libros e outros obxectos, sempre e cando estean en bo estado.

É usual que esta actividade teña moita aceptación entre os nenos, por iso dende o Concello se anima dun xeito especial a que os adultos tamén participen neste tipo de actividade coa que se busca valorar as cousas pola súa utilidade e non soamente polo prezo.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns y Milladoiro tendrán un mercado de trueque"