[02-12-2013] O Concello de Ames vén de dotar ao mercado de rúa de Bertamiráns, que se celebra todos os sábados pola tarde, dun sistema de iluminación único en toda Galicia e que permite prolongar o período de tempo de venda efectiva nos meses de inverno. Este sistema, que emprega tecnoloxía LED, foi distribuído por todos os postos do mercado de rúa e comezou a empregarse o pasado fin de semana. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, visitaron o sábado o mercado para comprobar de primeira man o funcionamento deste sistema pioneiro de baixo consumo, grande eficiencia e aforro enerxético.
Durante a súa visita, o concelleiro puido examinar o efecto visual que supón a instalación de tiras LED en todos os postos do mercado, o que lles confire unha iluminación individualizada que lles permite seguir coa actividade comercial máis alá das 18:30 horas, cando xa comeza a anoitecer. Bernardo Moar tamén comprobou a satisfacción dos comerciantes con este sistema, que fai máis visibles os postos e as mercancías, respondendo a unha vella demanda de iluminación desta zona.
Para determinar o sistema de iluminación máis idóneo para o mercado, o Concello de Ames analizou diferentes posibilidades. Finalmente, optouse pola tecnoloxía LED debido a que o custe total diario do consumo eléctrico mediante este sistema é de 15,89 euros para o conxunto dos postos instalados. Isto supón un gasto anual de todos os postos de pouco máis de 585 euros. Pola contra, se se empregase para este sistema individualizado de iluminación o uso de luminarias incandescentes o consumo anual sería de 3.610 euros. Se a opción elixida fose redobrar as luminarias do alumeado público convencional existente na rúa, o custo anual multiplicaría sensiblemente o gasto.
O sistema LED tamén permite reducir as emisións de dióxido de carbono de forma considerable. De feito, este sistema supón unha emisión de 13,61 kg/h por parte de todos os postos do mercado de rúa, fronte aos 467,92 KG/h que suporían os fluorescentes e os 505,85 KG/h de emisións dos sistemas incandescentes.
Vantaxes do sistema
O novo sistema de iluminación individualizada do mercado de rúa de Bertamiráns permite optimizar o período establecido para a actividade comercial, prolongando o tempo de venda especialmente nos meses de inverno. Ademais, dá cobertura á demanda de iluminación deste eixe comercial, a través dunha infraestrutura que non afecta á mobilidade urbana da zona, temporiza o consumo eléctrico á demanda do mercado e implica un importante aforro e eficiencia enerxética. Deste xeito, contribúese a consolidar este eixe comercial, cun espazo máis atractivo e diferenciado.
Este sistema de iluminación pioneiro, que se realiza a través de tiras LED que cumpren todas as normas de seguridade dos espazos públicos, está sendo obxecto de interese por parte doutros concellos que tamén contan con mercados e tarde/noite. A celebración do mercado de rúa os sábados pola tarde, sobre todo na época de outono e inverno, provoca unha redución das horas nas que é posible exercer a venda e polo tanto a atracción de cidadáns á zona comercial, xa que as horas de luz natural, redúcense como moito a dúas, de 16:00 ás 18:00 horas. A partir dese momento, a iluminación da rúa, pensada para un uso habitual de calquera rúa non permitía que nin os cidadáns, nin os vendedores, tivesen a posibilidade de exercer a súa actividade, de xeito eficiente, ao carecer ata o momento dunha infraestrutura que permita facer unha iluminación autónoma do seu espazo de venda.
O Concello de Ames levou a cabo un estudo das necesidades de iluminación deste mercado de rúa, barallando diferentes opcións, como a de dobrar o número de luminarias existentes na rúa ou apostar pola iluminación individualizada. Unha vez analizada a loxística, requirimentos, dispoñibilidade de persoal municipal e espazos necesarios para que se realice semanalmente a montaxe dos materiais, comprobouse que era máis eficiente e economicamente rendible a cesión temporal de uso do sistema LED a cada unha das persoas titulares dos postos de mercado de rúa de Bertamiráns.
Actuacións na zona do mercado
Conscientes da importancia deste eixo comercial, o Concello de Ames está traballando para mellorar a súa aparencia e para asegurar unha imaxe máis homoxénea e atractiva para os consumidores amienses e aqueles que se achegan dende outros concellos da contorna. Nesta zona xa se realizaron varias actuacións para mellorar a pavimentación da rúa, a instalación de mobiliario urbano, etc. Unha das principais actuacións que se realizou nas rúas Ameneiral e Entrerrios foi a instalación de 14 arquetas, que contan con capacidade de 6 tomas de 24V DC cada unha e con unha estrutura móbil escamoteable.
Este sistema permítelle á maioría dos postos existentes no mercado acceder de xeito independente a unha rede de baixa tensión, que sendo suficiente para iluminar cada espazo, combina a utilización de lámpadas LED (de baixo consumo e de grande eficiencia e aforro enerxético).
O mercado de rúa de Bertamiráns celébrase todos os sábados nas rúas da contorna da praza do Concello. En concreto na rúa Ameneiral e na rúa Entrerríos. Este mercado, está composto por un total de 65 postos e complétase con 45 comercios que están situados na súa área de influencia. Neste mercado véndense diversos produtos que van dende o téxtil, calzado e complementos ata alimentación e produtos do agro. Este mercado de rúa favorece a confluencia de clientes en todos os establecementos comerciais de Bertamiráns, polo que favorece a actividade comercial desta localidade.