Pestanas principais

O Meigas CF colabora na organización do IV Campus de porteiros/as que se celebrará o 17 de maio en Bertamiráns

Venres, 13 de maio de 2016

[13-05-2016] O vindeiro martes, 17 de maio, no pavillón polideportivo de Bertamiráns, terá lugar o IV Campus de porteiros/as, organizado pola escola de porteiros MFS coa colaboración do Meigas CF. Nel poden participar rapaces e rapazas a partir de 6 anos. O campus comezará ás 10:00 horas, cun descanso entre as 14:00 e as 16:00 horas, e estenderase ata as 19:00 horas.

A escola MFS leva organizando varios anos o Campus de porteiros/as, e este é o primeiro ano no que o Meigas FC participa non só apuntando as súas xogadoras, senón tamén na organización. O club agarda que a súa presenza axude a animar a máis porteiras a inscribirse neste evento.

Ramón Barreiro, adestrador do Santiago Futsal e adestrador de porteiras da Selección española feminina de Fútbol Sala, é o coordinador deste evento. Xunto a el acudirán outros técnicos da escola MFS, que tamén dirixe, como Marcos Vara, porteiro titular do primeiro equipo do Santiago Futsal. Os técnicos do Meigas CF tamén axudarán a dirixir as distintas actividades.

O Campus estruturarase en dúas partes: unha, pola mañá, na que se traballarán distintos aspectos e unha segunda, xa pola tarde, na que se practicarán situacións xogadas. Na primeira parte da xornada rapaces e rapazas formarán grupos que irán rotando polas seis zonas nas que se vai dividir o pavillón. En cada unha delas realizarán distintas prácticas, incluíndo a análise dun vídeo con xogadas, das que terán que extraer os erros ou os acertos que atopen.

Trámites de inscrición
Os rapaces e rapazas interesados deben enviar os seus datos persoais, un número de teléfono e o nome do seu club de procedencia ao enderezo escueladeporteros@gmail.com ,ou chamar aos número 636873882 ou 699625548. O prezo da matrícula é de 30 euros, ou de 25 euros para xogadores ou xogadoras do Santiago Futsal, do Meigas FC ou o alumnado da escola de porteiros MFS.