Pestanas principais

O martes, 29 de maio, impártese unha charla sobre a sexualidade na idade adulta que se enmarca dentro do programa Amessan

Venres, 25 de maio de 2018

[25-05-2018] A Concellaría de Voluntariado e Benestar Social organizou unha serie de charlas dirixidas a persoas maiores de 60 anos. Cada unha destas conferencias aborda un tema diferente: alimentación saudable, prevención de demencias, sexualidade na idade adulta, prevención de estafas e roubos e recursos para persoas que viven soas. Estas charlas enmárcanse dentro do programa municipal de envellecemento activo Amessan. O martes, 29 de maio, impartirase a terceira charla deste programa que tratará sobre a sexualidade na idade adulta. Será na Casa da Cultura do Milladoiro, de 18:00 a 19:30 horas.

Como novidade deste 2018, a Concellaría de Voluntariado e Benestar Social organizou un conxunto de charlas que abordan algúns dos temas de maior interese para as persoas maiores de 60 anos. Estas charlas informativas son impartidas por Graciela Rivas, traballadora social e técnica superior en animación sociocultural, especializada en xerontoloxía e atención á terceira idade. Para asistir non será preciso inscribirse previamente. As charlas adoptarán a forma de obradoiros dinámicos, nos que o intercambio de información será o eixo fundamental na adquisición dos novos coñecementos.

Ata o de agora impartíronse dúas charlas sobre a importancia dunha alimentación saudable e a prevención de demencias e, en concreto, do alzhéimer. A sexualidade na idade adulta é o tema escollido para a terceira das sesións, que se celebrará este martes, 29 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta sesión estará centrada nos acontecementos máis relevantes neste eido, traballando aspectos como as doenzas e os medicamentos que afectan a esta parte de vida, así como os cambios físicos, os mitos e os métodos e tratamentos que existen á hora de combater determinadas problemáticas.

Charlas para o mes de xuño
A cuarta das conferencias abordará a prevención de estafas e roubos. Esta conferencia realizarase o 4 de xuño, en horario de 17:00h a 18:30 horas, no local social de Trasmonte. Nesta ocasión, a charla será impartida por axentes das forzas de seguridade e por un técnico da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), entidade coa que o Concello de Ames ten asinado un convenio para o asesoramento da cidadanía nesta materia. As persoas asistentes recibirán este día información relativa a este tipo de delitos.

Por último, a quinta das conferencias tentará ofrecer diferentes recursos orientados ás persoas que viven soas, co obxectivo de que estas poidan manter un bo nivel de autonomía física, funcional e cognitiva. Esta charla terá lugar o 14 de xuño na Casa da Cultura de Bertamiráns, no horario habitual.

Contido relacionado


Lindeiros: "O programa Amessan organiza unha charla sobre sexualidade na idade adulta"
Compostela 24 horas: "Sexualidade na idade adulta en Ames"