[24-01-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, ten aberto o prazo de inscrición do programa de conciliación familiar Entroido Lúdico. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 4, 5 e 6 de marzo, en horario de 7:30h a 16:00 horas. O prazo de inscrición deste programa, que se pon en marcha por cuarto ano consecutivo, estará aberto ata o vindeiro 28 de xaneiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases, o impreso de inscrición e as tarifas do Entroido Lúdico.
O Entroido Lúdico é unha iniciativa que lle facilita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos, mentres estes ocupan o seu tempo libre dunha maneira educativa e divertida. O programa, ao igual que o resto de lúdicos e o programa Escola de Verán, está dirixido a crianzas empadroadas no Concello de Ames, escolarizadas no segundo ciclo de Educación Infantil ou en calquera dos cursos da Primaria. As familias que soliciten praza deberán, deste xeito, estar integramente empadroadas en Ames e deberán acreditar, asemade, a necesidade de conciliación entre a vida laboral e familiar por parte dos dous proxenitores ou titores.




