- Tematica
O luns, 8 de setembro, abre o prazo de preinscrición na nova programación das Escolas deportivas do Concello de Ames para o curso 2025-2026. O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 14 de setembro. A xestión realizarase de forma telemática a través da páxina web de Cronos. Para poder inscribirse é necesario darse de alta na plataforma Cronos seguindo as indicacións da propia plataforma. No caso dun/dunha menor, primeiro deberá de darse de alta o pai, nai ou titor como titular (tipo de rexistro) e despois darase de alta o/a menor como beneficiario/a (tipo de rexistro). Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 15 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 16 de setembro na web municipal.
O departamento de Deportes vén de facer pública a oferta das Escolas deportivas para o curso 2025-2026. As actividades, organizadas polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña, volverán o mércores 1 de outubro de 2025 e rematarán o 13 de xuño de 2026. Preme nesta ligazón para coñecer en detalle as instrucións de preinscrición e mailas actividades ofertadas.
Este curso as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con baile moderno, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, xadrez, tenis, voleibol e ximnasia rítmica. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse nas actividades do programa “Ponte en Forma”, que inclúe aerozumba; adestramento funcional; ioga; pilates; ximnasia de mantemento; e spinning, abdominais e glúteos.
As tarifas para unha actividade das Escolas deportivas durante o curso completo son de 80 euros para os maiores de 18 anos e de 60 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar menor de 18 anos o custo é de 30 euros, mentres que para un terceiro e restantes membros menores de 18 anos o custo é de 15 euros.
Preinscrición
O prazo de preinscrición vai do 8 ao 14 de setembro e realizarase unicamente a través da páxina web de Cronos. No caso dun/dunha menor, primeiro deberá de darse de alta o pai, nai ou titor como titular (tipo de rexistro) e despois darase de alta o/a menor como beneficiario/a (tipo de rexistro). Podes premer aquí para ver as instrucións a seguir. A preinscrición xerará un número de rexistro que será o número co que se identifique a persoa preinscrita na listaxe xerada tras o resultado do sorteo.
Neste prazo de preinscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 15 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 16 de setembro na páxina web do Concello de Ames.
A poboación empadroada no concello de Ames poderá inscribirse e formalizar a matrícula durante o prazo de inscrición (no mes de setembro). Durante o curso tamén se poderá inscribir aboando a parte proporcional do custe do curso completo. A poboación non empadroada poderá inscribirse unha vez rematado o prazo de inscrición do mes de setembro e sempre e cando queden prazas libres.
Para máis información sobre as actividades deportivas pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940. Outra opción é enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal.
Método de pagamento
Unha vez publicada a listaxe de admitidos na páxina web municipal o 16 de setembro, as persoas que obtiveran praza deben facer o pagamento ata o 24 de setembro. Pódese realizar a autoliquidación a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello (non se precisa certificado electrónico), premendo na opción de “pagar taxas”.
Este trámite tamén se pode realizar de xeito presencial nas oficinas de recadación en Bertamiráns (praza da Horta de Abaixo, número 6) e no Milladoiro (rúa da Viorneira, número 6). Unha vez feita e aboada a autoliquidación no prazo estipulado, do 16 ao 24 de setembro, non é preciso entregar o resgardo de pagamento, dado que este chega automaticamente. Se non se realiza o pagamento no prazo establecido, a preinscrición quedará anulada.
Inscrición ao longo do curso
Cada mes sacarase unha listaxe coas prazas libres e estas iranse cubrindo por orde de solicitude. Neste caso, o alumnado inscrito nunha actividade poderá matricularse noutra na que quedasen prazas libres. No suposto de inscricións unha vez comezado o curso, o importe da cota será o resultante de multiplicar a tarifa mensual (incluído o mes da propia inscrición), polo número de meses que restan para rematar o curso.
Baixas
No caso de baixa, estas deberán tramitarse a través do Rexistro de Entrada ou da Sede electrónica do Concello de Ames. Só se devolverá a parte proporcional da cota aboada naqueles supostos que se consideren baixa por forza maior (enfermidade acreditada). Se o/a alumno/a acumula faltas inxustificadas á actividade iguais ou superiores a 5 durante un período dun mes será motivo de baixa automática.
Novas relacionadas:
Diario de Compostela: "Ames abre o prazo de preinscrición para as Escolas deportivas do curso 2025-2026"











