Pestanas principais

O luns, 27 de maio, abre o período para renovar praza nas escolas deportivas e nos obradoiros culturais 2013-2014

Xoves, 23 de maio de 2013

[23-05-2013] A partir do luns 27 de maio todas as persoas que desexen practicar deporte ou participar nalgunha actividade cultural xa poden renovar a súa praza no programa de obradoiros culturais e escolas deportivas para o curso 2013-2014. O período para renovar praza, para as persoas xa inscritas no pasado curso, estará aberto entre os días 27 e 31 de maio. A renovación da praza pódese facer por vía telemática, nun banner que a partir do luns estará colocado na web municipal, ou de xeito presencial na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. O segundo período de matrícula, para prazas libres e grupos de nova creación, irá dende o 16 ata o 20 de setembro. Previamente, este sábado 25 de maio, ás 16:30 horas, celébrase o acto de clausura das escolas deportivas no pavillón do Milladoiro. Dentro deste acto organizouse unha “operación quilo” para que todas as persoas que o desexen poidan levar produtos non perecedoiros que serán repartidos entre as familias amienses con menos recursos. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter máis información sobre as actividades ofertadas e os trámites que hai que realizar para renovar praza.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, abre un ano máis o período para renovar praza nas escolas deportivas e nos obradoiros culturais de cara ao curso 2013-2014. Os nenos e nenas poderán inscribirse nas diferentes actividades que se ofertan dentro das escolas deportivas entre as que se atopan o baloncesto, o fútbol sala, o patinaxe, o predeporte, o tenis, a natación, o tenis de mesa e o voleibol. Ademais, ofértase unha ampla programación de actividade física para os adultos (aeróbic; spinning, abdominais e glúteos; pilates; e ximnasia de mantemento) e obradoiros culturais para nenos/as e adultos (baile de salón; manualidades; teatro; xadrez; e baile e música tradicional).

Todas as persoas que estean interesadas en participar nas escolas deportivas e nos obradoiros culturais do vindeiro curso xa poden solicitar información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dous prazos para poder formalizar a matrícula nas actividades que se enmarcan dentro deste programa cultural e deportivo. Todas aquelas persoas que xa estiveron inscritas no curso 2012-2013 poden renovar a súa praza entre o día 27 e o 31 de maio.

Inscrición presencial
Para formalizar a matrícula deberase acudir á Casa da Cultura do Milladoiro ou ao Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Ademais os días 27 e 28 de maio tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, de 16:00 h. a 18:00 horas, para maior comodidade da veciñanza amiense. Unha vez formalizada a matrícula nas oficinas habilitadas, entregaráselle a cada usuario/a a folla de autoliquidación para proceder ao pagamento da actividade na entidade bancaria. O prazo para a xustificación dos pagos remata o 31 de maio ás 14:00 horas.

Renovación de prazas vía telemática
Ademais poderase confirmar a súa praza vía telemática premendo nun banner que estará situado na páxina principal da web municipal. A vía telemática estará dispoñible dende as 9:00 h do 27 de maio ata ás 14:00 horas do 31 de maio. Todas as inscricións que se fagan fóra de prazo non serán tidas en conta. Unha vez formalizada a matrícula a través da páxina web municipal, deberase solicitar por correo electrónico a folla de autoliquidación para proceder ao pagamento da actividade. O prazo para a xustificación dos pagos remata o 31 de maio ás 14:00 horas. Haberá que enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.org para as escolas e obradoiros de Bertamiráns. As persoas que renoven praza nas escolas deportivas e nos obradoiros culturais do Milladoiro deberán enviar un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.

Cómpre recordar que non se considerará inscrito no curso anterior aquel alumnado que tramitara a baixa. Reservaranse as prazas nas actividades do curso anterior e, se é posible, no mesmo grupo ao que pertencían ou nun novo grupo que lle corresponda por ano de nacemento. O Concello non garante que o grupo e o horario da actividade escollida para este curso coincida co do ano anterior. Para matricularse nas escolas deportivas e obradoiros culturais é requisito imprescindible estar empadroados no Concello de Ames e non ter débedas pendentes de calquera tributo co Concello de Ames.

Posteriormente, abrirase un segundo período de matrícula para prazas libres e grupos de nova creación, que irá dende o 16 ata o 20 de setembro. As clases, segundo o previsto, arrancarán a semana do luns 7 de outubro e finalizarán o 31 de maio de 2014.

Clausura das Escolas deportivas
Por outra banda, este sábado 25 de maio, celébrase o acto de clausura das Escolas deportivas no pavillón polideportivo do Milladoiro. Ás 16:30 h comezará o acto coa presentación de todos os nenos e nenas que participarán neste evento. Trala presentación realizaranse varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso os rapaces e rapazas de Ames. Así haberá exhibicións de tenis, predeporte, tenis de mesa, baloncesto, patinaxe e intervirá o grupo de aeróbic infantil de Barouta. Ademais, haberá unha exhibición de judo a cargo de Abel Martínez e os alumnos/as do obradoiro de break dance posto en marcha pola concellaría de Xuventude farán unha demostración do aprendido durante este curso. A partir das 19:10 horas haberá sorteo de agasallos. Todos os/as participantes levarán unha camiseta de agasallo.

Ademais, a empresa VV Xestión de Actividades, que se encarga de impartir as actividades das Escolas deportivas municipais, vai realizar unha “operación quilo” co obxectivo de recadar alimentos non perecedoiros, que posteriormente se repartirán entre as familias amienses con menos recursos. Haberá un stand instalado no pavillón do Milladoiro para que todas as persoas que o desexen poidan achegar diferentes produtos como arroz, pasta, azucre, cacao, etc. Despois, estes produtos serán cedidos ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames co fin de que os reparta entre as familias amienses que máis o necesiten.