Pestanas principais

O luns, 15 de setembro, comeza o prazo para inscribirse nos Obradoiros Culturais e nas Escolas Deportivas de Ames

Venres, 12 de setembro de 2014

[12-09-2014] Do 15 ao 19 de setembro está aberto o prazo para inscribirse nas Escolas Deportivas e nos Obradoiros Culturais que un ano mais por en marcha o Concello de ames a través da Concellaría de Cultura e Deportes. Este ano ofértanse quince disciplinas deportivas: baloncesto, fútbol sala, fútbol feminino, judo, natación, voleibol, ximnasia rítmica, ximnasia de mantemento, patinaxe, pre-deporte, ballet, aerobic, pilates e spinig-abdominais e gluteos e patinaxe. No canto dos Obradoiros Culturais a oferta para este curso inclúe baile de salón, manualidades, teatro, baile e música tradicional e xadrez. As inscricións faranse de xeito presencial no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura do Milladoiro en horario de 9:00 a 14:00 horas os días 15, 16, 17, 18 e 19, ampliando o horario pola tarde, de 16:00 a 18:00 os días 15 e 16 de setembro. Para matricularse é requisito imprescindible estar empadroado/a e non ter débedas pendentes de calquera tributo co Concello de Ames. As prazas adxudicaranse por sorteo público que se celebrará o luns 22 de setembro ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello.

Rematado o primeiro prazo de inscrición, que estaba dirixido ás persoas que participaron nestas actividades o curso anterior, agora ábrese unha segunda quenda de matrícula para todas aquelas persoas que desexen inscribirse nas prazas libres e grupos de nova creación que se ofertan dentro deste programa deportivo e cultural. A matrícula para este curso comeza o luns 15 de setembro e alóngase ata o 19 do mesmo mes. Os trámites para a formalización da matrícula son os seguintes: No caso dos menores de 18 anos débense de facilitar os datos persoais do/a inscrito/a e dos pais ou titores. As prazas adxudicaranse por sorteo público que se celebrará o luns 22 de setembro ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello. Non se concederán prazas por orden de chegada. As listaxes das persoas admitidas faranse públicas o martes 23 de setembro nos taboleiros da Casa de Cultura do Milladoiro e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns). As persoas que por sorteo obtiveran praza deberán solicitar a folla de autoliquidación nos locais de inscrición ou nos correos electrónicos: Obradoiros culturais: cultura.milladoiro@concellodeames.org, Escolas deportivas de Bertamiráns: deportes@concellodeames.org, Escolas deportivas do Milladoiro: deportes.milladoiro@concellodeames.org. Con esa folla de autoliquidación realizarase o pagamento na entidade correspondente do 23 ao 26 de setembro. Unha vez que se pague dita autoliquidación, non será necesario entregar ningún resgardo nos locais de inscrición.
Inscricións ao longo do curso
No caso de que ao longo do curso quedara algunha praza libre e alguén estivera interesado en acceder a ela, debe ter en conta que o importe da cota será o resultante de multiplicar a tarifa mensual, incluído o mes da propia inscrición, polo número de meses que resta para rematar o curso. Cómpre salientar tamén que en casos excepcionais, por resolución do órgano competente e previo informe dos Servizos Sociais, poderase acordar a exención total ou parcial das tarifas. Cada persoa poderá inscribirse, como máximo, en dúas escolas deportivas e en dous obradoiros culturais, sempre que non coincidan horarios. Non se permite a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade.

    Por outra banda se unha persoa quere darse de baixa ten que ter en conta que a tramitación deberá facerse por escrito no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ou na Casa de Cultura do Milladoiro. Poderase devolver a cota correspondente en supostos de baixa por forza maior como enfermidade acreditada. Se o alumno/a non acode á clase durante un mes seguido e non xustifica por escrito dita ausencia, poderá ser dado de baixa para ofertar a praza ocupada a outra persoa, sempre e cando haxa persoas en reserva.

Prezos das Escolas Deportivas e dos Obradoiros Culturais
Nas Escolas Deportivas os usuarios e usuarias menores de 18 anos pagan 32 euros por asistir á actividade durante todo o curso. Un segundo membro da mesma familia paga 16 euros, tamén polo curso completo e un terceiro, 8 euros. Os maiores de 18 anos pagan 48 euros. No caso de matricularse en dúas escolas os menores de 18 anos pagarían 48 euros, o segundo membro da familia 24 e o terceiro 12. Os maiores de 18 anos que queiran matricularse en dúas disciplinas deportivas pagarían en total por todo o curso 72 euros. No canto dos Obradoiros Culturais, os menores de 18 anos pagan por cada obradoiro 40 euros, o segundo membro da familia 20 e o terceiro 10. Os maiores pagan en total por todos os meses que asistan ás clases 50 euros.


O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados positivos. Para facerse unha idea, durante o curso pasado preto de 2.000 persoas participaron nas actividades das escolas deportivas e obradoiros culturais que se impartiron tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.
As actividades deportivas ofertadas polo Concello de Ames caracterízanse pola súa diversidade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Para María Eugenia Martín Vicente, concelleira de Cultura e Deportes, a posta en marcha das Escolas Deportivas e os Obradoiros Culturais, mantendo prezos populares e incrementando o número de prazas, suliña á aposta clara que o Concello de Ames fai pola cultura e o deporte de base “Somos conscientes de que unha sociedade que practica deporte e se interesa por formarse en disciplinas culturais alternativas é unha sociedade mais san. Se a isto unimos a posibilidade de aprender e facer exercicio en familia, que é o que acontece coas Escolas Deportivas e os Obradoiros Culturais de Ames, as vantaxes multiplícanse”, manifesta a concelleira.