Pestanas principais

O luns, 14 de xullo, comezan os traballos de substitución do colector de saneamento da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns

Venres, 11 de xullo de 2014

[11-07-2014] O Concello de Ames iniciará o luns, 14 de xullo, as obras de substitución do colector de saneamento situado na rúa Alcalde Lorenzo, de Bertamiráns. Este venres, 11 de xullo, asinouse a acta de replanteo, para que a vindeira semana poidan dar comezo os traballos deste proxecto. Esta obra, que está financiada pola Deputación da Coruña, foi adxudicada á empresa Espina & Delfín SL por un importe de 120.000 euros. O colector será reposto en 408 metros que comprenden as rúas Alcalde Lorenzo, Avenida da Maía e o enlace das mesmas. Trátase dunha importante obra para a localidade de Bertamiráns debido ao mal estado no que se atopa este colector.

Actuacións previstas
O proxecto destes traballos recolle o conxunto de actuacións necesarias para levar a cabo a substitución das tuberías de formigón, que compoñen parte da rede de saneamento do núcleo urbano de Bertamiráns. Os traballos que se realizarán inclúen o levantamento das beirarrúas e vías afectadas para introducir a canalización. Ademais, procederase á substitución de canalizacións e pozos, un paso que inclúe a escavación en gabia, a colocación das tuberías e o tapado das mesmas con capas de area e material axeitado, así como a execución dos novos pozos de rexistro. Por último, acometerase a reposición de pavimentos e de beirarrúas afectadas. As canalizacións afectadas están situadas baixo a rúa Alcalde Lorenzo e a avenida da Maía.

Estes traballos supoñen unha importante actuación para o núcleo de Bertamiráns, debido ao estado no que se atopa este colector, sobre o que se debía actuar hai anos. De feito, o proxecto orixinal tivo que ser modificado, xa que en xaneiro de 2012 o Concello de Ames tivo que realizar unha obra con carácter de urxencia nesta rúa e que supuxo a reposición de 30 metros do colector que leva as augas residuais á EDAR de Sisalde. Nese momento, o estado do colector facía que non fose capaz de recoller toda a auga, producíndose filtracións que deixaron ocos baixo a beirarrúa provocando perigo de derrubamento.

As obras de substitución do colector de saneamento na rúa Alcalde Lorenzo, situada en Bertamiráns, que executará a empresa Espina & Delfin SL, están incluídas no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña. O colector será reposto en 408 metros que comprenden as rúas Alcalde Lorenzo, Avenida da Maía e o enlace das mesmas.

Concretamente estas obras realizáranse en tres tramos diferentes. O primeiro tramo de 288 metros de lonxitude executarase na rúa Alcalde Lorenzo (dende o cruce que vai cara Cantalarrana ata o cruce coa avenida da Maía); o segundo treito de 96 metros de lonxitude executarase na avenida da Maía; e o terceiro e último tramo de 24 metros e lonxitude realizarase atravesando a avenida da Maía.

Este venres, 11 de xullo, asinouse a acta de replanteo, para que o luns, 14 de xullo, poidan dar comezo os traballos deste proxecto. Previamente, xa se colocaron as correspondentes sinais que advirten aos condutores de vehículos e aos peóns da execución deste proxecto.

Debido a estas obras o Concello de Ames informa que dende o vindeiro luns, 14 de xullo, quedará cortado o carril dereito da estrada CP 0205, que discorre entre Bertamiráns e Osebe, ao seu paso pola rúa Alcalde Lorenzo (punto quilométrico 0,200). Este carril manterase cortado ao tráfico (día e noite) durante un mes, aproximadamente. A circulación do tráfico rodado regularase coa colocación de semáforos de obra, que permitirán a circulación alternativa de vehículos. Deste xeito, recoméndase evitar, na medida do posible, a circulación de vehículos por estas zonas para e evitar atascos e non dificultar a execución destes traballos.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Inician la excavación en Alcalde Lorenzo para la mejora de la red de saneamiento"
El Correo Gallego: "Arrancan mañana las obras de saneamiento en Alcalde Lorenzo"