Pestanas principais

O lugar de Pousada celebra este domingo, 25 de agosto, a súa tradicional festa na que se honra á Virxe de Lourdes cunha gran alfombra floral

Venres, 23 de agosto de 2019

Este domingo, 25 de agosto, o lugar de San Xoanciño de Pousada honrará á Virxe de Lourdes cun conxunto de tres alfombras florais, elaboradas por membros da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada, e co apoio da veciñanza de varios lugares do concello. A partir das 13.00 horas haberá unha misa solemne e a correspondente procesión sobre a alfombra floral. Actuarán o Coro parroquial de Ames e Piñeiro e maila Asociación cultural Os Castros.

O lugar de Pousada celebrará este domingo, 25 de agosto, a súa tradicional festa na que se honra á Virxe de Lourdes cunha gran alfombra floral. As 13.00 horas haberá unha misa solemne oficiada polo párroco Manuel Blanco, que estará acompañado polo Coro parroquial de Ames e Piñeiro. Unha vez rematada a misa farase unha procesión sobre a alfombra floral e actuarán os membros da Asociación Cultural Os Castros.

En canto ao conxunto de alfombras florais, estará formado por un tapiz principal de máis de 60 metros e dous máis pequenos colocados no soportal da capela e precedendo á alfombra central. Ao igual que en anos anteriores, a composición é elaborada partindo dun deseño a tamaño real realizado por frai Luís de Oseira. Entre os materiais que se empregan para a súa elaboración destacan a sal, café, tulla, restos de serraduras, varios tipos de flores e terra para perfilar.

Os traballo no tapiz comezaron con máis dunha semana de antelación, para a preparación dos materiais que utilizan. Nos traballos de elaboración das alfombras, no exterior da capela, participan máis de 25 persoas de varios lugares do municipio.

A tradición de honrar á Virxe de Lourdes de Pousada cunha alfombra floral comezou hai dez anos, da man de María Xosé Bello, presidenta da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada, tras unha viaxe a Celanova, onde hai unha forte tradición de alfombras florais en honor á Virxe da Encarnación. Tras esta visita, María Xosé Bello propúxolles as súas veciñas e veciños facer algo semellante para á Virxe de Lourdes.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Pousada celebra hoxe a súa tradicional festa na que se honra á Virxe de Lourdes cunha gran alfombra floral"

Cartel das festas de San Xoanciño de Pousada