[30-11-2017] A campaña Galeg@ para Sempre presentouse este mércores, 29 de novembro, no local sociocultural de Agrón. O seu obxectivo é o de fomentar o uso do galego no ámbito funerario, a través da implicación das empresas e dos profesionais do sector e da vontade individual da veciñanza . Na presentación estiveron representantes amesáns do mundo do ensino, da empresa e da cultura como o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, as escritoras Mariña Pérez Rei e María López Sández e filósofo e poeta, Paco Rubinos. Organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística, a campaña inclúe un manual de recursos en galego que recolle modelos de necrolóxicas, lemas e frases para pór nas sepulturas, así como textos literarios e fórmulas para as cerimonias civís. Na presentación da campaña, as veciñas e veciños amesáns que así o desexaron puideron asinar unha declaración, na que quedou expresa a súa vontade de seren despedidos e lembrados en galego após o seu pasamento. En total, asinaron xa a declaración un centenar de persoas, representativas dos diferentes ámbitos sociais do concello. O acto, que se desenvolveu a partir das 19:00 horas, contou coas actuacións musicais do pianista Xabier Constenla e da cantante Pilar Martínez.
Manual de recursos funerarios en galego
Desde a Concellaría de Normalización Lingüística, responsable da campaña, mantiveronse contactos coas empresas do sector e estas manifestáronse dispostas a colaborar coa iniciativa e aplaudiron a elaboración dun manual de recursos, que axude aos profesionais funerarios e ás familias a facer as despedidas dos seus seres queridos en galego. Este manual, que tamén foi presentado este mércores en Agrón, inclúe modelos de necrolóxicas, suxestións de lemas, frases para lápidas, ramos e coroas, así como unha escolma de poesías e textos para as cerimonias laicas. O manual pódese atopar no apartado de descargas desta nova.
“Temos que dar as grazas ás funerarias que traballan no Concello de Ames, á Funeraria Apóstol e á Funeraria Marcelino, que desde o primeiro momento mostraron a súa disposición a colaborar con esta campaña. Para eles, especialmente, é este manual que editamos con recursos en lingua galega para actos funerarios, tanto civís como relixiosos, para que poidan traballar con normalidade e seguridade en galego”, destacou no acto a técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.
Tamén se estableceron contactos con representantes da Igrexa na procura de incrementar o uso do galego no ámbito relixioso. A resposta neste sector foi tamén favorable e, desde a parroquia do Milladoiro adiantaron que se farán en galego as inscricións do novo columbario situado a carón da igrexa e que os actos relixiosos se realizarán na lingua que demande a familia.
Coa canción Vida miña de Emilio Rúa, interpretada para a ocasión polo pianista Xabier Constenla e a cantante Pilar Martínez, comezou o acto de presentación da campaña Galeg@ para Sempre. As pezas musicais intercaláronse entre as intervencións de diferentes persoas que quixeron apoiar coa súa presenza ou coa súa palabra a iniciativa, tales como o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o académico e catedrático de latín, Xesús Ferro Ruibal; as escritoras Mariña Pérez Rei e María López Sande; o profesor, ensaísta e tradutor, Antón López Silva; e o poeta e filósofo, Paco Rubinos. A concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Isabel Vaquero, encargouse de abrir o acto e de explicar as motivacións e os obxectivos da campaña.
“Unha serie de datos, non só do Concello de Ames senón de toda Galicia, mostran que a pesar de que o galego continúa a ser a lingua dominante en Galicia, especialmente nas persoas máis maiores e sobre todo no rural, esta desaparece no momento da morte. A lingua na que esas persoas viviron desaparece con elas. Se miramos calquera xornal, practicamente non existen esquelas en galego. Se escoitamos a radio, as notas necrolóxicas nunca son en galego. Se imos aos cemiterios, case non hai lápidas nin epitafios na nosa lingua. Dada a peculiar relación que o pobo galego ten coa morte, isto parécenos un pouco estraño. Débese, loxicamente, á predominancia do castelán na Igrexa desde tempos inmemoriais, o que motivou que todo o relacionado coa morte estea en castelán. Ademais, a estas alturas, a inercia do costume tamén ten un papel relevante. As funerarias, as florerías e outras empresas do sector, ás veces, non dispoñen de recursos en galego, polo que todo queda en función da vontade das persoas. Cando alguén morre, pensamos en diferentes cousas, nun enterro ou nunha incineración, no tipo de cadaleito, mais nunca nos lembramos da lingua. No Concello de Ames, queremos cambiar isto con esta campaña”, afirmou Isabel Vaquero durante a súa intervención.
O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteaudo, tamén afondou na relación entre a lingua galega e a morte: “A relación coa morte das galegas e galegos non é unha relación particularmente lúgubre. Exemplo disto é que moitas persoas continúan a manter conversas cos seus seres queridos, unha vez que estes xa morreron. Eu cuestiónome en que lingua serán estas conversas. Penso que maiormente han de ser en galego, por ser esta a lingua maioritaria de Galicia”. Mariña Pérez Lema, pola súa banda, destacou a importancia desta campaña ao xuntar dous tabús aínda vixentes: a morte e o galego. Durante a súa intervención, a escritora nomeou algúns dos epitafios máis retranqueiros que se coñecen, como o de Ben Cho Shey no que aparece escrito “quedan suprimidas todas as homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”.
Cómpre destacar que no transcurso do acto, as veciñas e veciños que así o quixeron puideron asinar unha declaración de vontades, na que quedou recollida a súa intención de que todas as cuestións relacionadas co seu pasamento se realicen en lingua galega. En total, asinaron xa un centenar de persoas, representativas dos diferentes ámbitos sociais do Concello. A declaración segue ao dispor de quen desexe asinala, no Servizo de Normalización Lingüística municipal.
Contido relacionado
Lindeiros: "Galeg@ para Sempre, Ames impulsa o uso do galego nos servizos funerarios"
Televisión de Galicia: "Ames lanza unha campaña para fomentar o uso do galego nos ritos funerarios"