[28-04-2014] A Dirección Xeral da Garda Civil, en colaboración co Concello de Ames, organizou unha charla informativa sobre os roubos no campo. A esta actividade, que se impartiu o venres pasado no local social de Tapia, asistiron varios veciños/as amienses, así como o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Esta charla estivo impartida polo cabo primeiro da Garda Civil, Víctor Castro, e como apoio estivo o axente da Garda Civil, Manuel Porto. A través deste tipo de actividades preténdese incrementar a seguridade nas explotacións agrarias, para loitar contra os roubos e as actividades delictivas que están afectando a este sector. A Garda Civil conta cun equipo Roca que actúa na bisbarra de Santiago de Compostela.
Mellora da seguridade nas explotacións
Os 'Equipos ROCA' (Roubos no Campo) proporcionan unha cobertura integral ao agricultor e ao gandeiro que vai dende os contactos iniciais, pasando polo intercambio de información e accións formativas de seguridade, ata a investigación e identificación dos delincuentes. A función deste equipo é a de incrementar a seguridade das explotacións mediante unha vixilancia permanente e unha maior comunicación cos colectivos afectados. A creación deste grupo de seguridade enmárcase dentro do Plan Nacional contra as Sustracións Agrícolas e Gandeiras do Ministerio do Interior.
Algunhas das medidas de seguridade que recomenda a Garda Civil, a través do equipo ROCA, son cambiar a rutina de traballo na explotación agrícola/gandeira polo menos unha vez por semana; preparar lugares de seguridade para a custodia do material agrario; instalar ou simular a instalación dalgún sistema de vixilancia; comprobar as pechaduras de fiestras e portas ao saír da instalación gandeira/agrícola; anotar e gardar a numeración da maquinaria, ferramentas e pezas de valor; non deixar obxectos de valor á vista; non enfrontarse aos intrusos e non tocar nada en caso de roubo. Despois dun roubo ou calquera tipo de actividade delictiva hai que chamar inmediatamente ao número 062 de emerxencias da Garda Civil.
O equipo Roca da terceira compañía da Garda Civil de Santiago de Compostela, pertencente á Comandancia da Coruña, impartiu o venres pasado unha charla informativa para previr os roubos no rural amiense. Esta iniciativa, que se desenvolveu no local social de Tapia, enmarcouse dentro do Plan contra os roubos no campo. A esta actividade asistiu un importante grupo de veciños e veciñas amienses que traballan no sector gandeiro e agrícola. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, tamén asistiron a esta charla informativa.
A través desta charla o equipo Roca da Garda Civil impartiulles aos veciños/as un decálogo de medidas de seguridade que deben adoptar os agricultores e os gandeiros. A colaboración entre a Garda Civil e o sector agrícola e gandeiro é unha peza clave. Polo tanto, si calquera agricultor ou gandeiro observa movementos ou persoas estrañas próximas as súas explotacións debe anotar os datos (matrículas, descricións, datas, horas, etc.) e comunicarllo á Garda Civil.




