[23-11-2016] Esta tarde, no local da Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, unha técnica da Cruz Vermella e unha traballadora social do Concello, Alicia Carbia, falarán da teleasistencia domiciliaria dende as vertentes privada e pública. O local de JUPEMI está situado na rúa Figueiras, no Milladoiro, e a charla, que é aberta e gratuíta, comeza ás 19:30 horas. Esta actividade está encadrada dentro do programa de envellecemento activo.
Esta charla realízase co obxectivo de que as persoas que viven soas coñezan as diversas modalidades que existen para poder dispor dun servizo de teleasistencia domiciliaria. Por unha banda, a traballadora social do Concello, Alicia Carbia, explicará que na vertente pública existen dúas modalidades para acollerse ao programa de teleasistencia. Unha é a que recolle a lei de dependencia da Xunta de Galicia e outra a que ofrece a Deputación da Coruña. Para poder optar a da Xunta de Galicia hai que ter recoñecido un grao de dependencia, pero non é necesario ter 65 anos. No caso do programa da Deputación da Coruña si que é necesario ter cumpridos os 65 anos. Todos os detalles de cada un destes programas serán explicados nesta charla.
Por outra banda, unha técnica da Cruz Vermella, abordará o servizo de teleasistencia privado, que neste caso ofrece a Cruz vermella. Este programa está pensado para todas aquelas persoas que viven soas que queren dispor as 24 horas do día e os 365 días do ano, dunha resposta inmediata en calquera situación de emerxencia ou de necesidade derivada desta. Tan só hai que apertar un botón e inmediatamente poderá establecer contacto directo coa central receptora. Esta daralle a resposta máis adecuada ás necesidades de cada usuario/a e activará todos os recursos operativos e loxísticos tanto da súa contorna como da propia Cruz Vermella.
Esta charla impartirase este mércores, 23 de novembro, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI), que está situado na rúa Figueiras. Esta actividade, que está aberta a todo o público que queira asistir, está encadrada dentro do programa de envellecemento activo do Concello de Ames.




