[21-01-2017] A programación cultural e educativa deste inverno no concello de Ames acolle de novo as actividades nas parroquias rurais. O Obradoiro de Animación á Lectura púxose en marcha neste mes de xaneiro no local sociocultural de Augapesada. Este luns, 23 de xaneiro, ás 18:00 horas, haberá unha nova sesión de contos e obradoiros para nenos e nenas, así como para as súas familias en Augapesada. A Concellaría de Educación e Cultura quere así "ampliar a oferta cultural nas parroquias". Esta actividade é libre e de acceso gratuíto a todos os interesados e interesadas.
Coa pretensión de que a distancia non sexa un obstáculo que impida que a oferta cultural chegue ás parroquias, o departamento de Educación e Cultura aproveita, periodicamente, os locais sociais das parroquias para acoller actuacións de coros, contacontos e a realización de diferentes obradoiros. Desta volta chega á parroquia de Augapesada o obradoiro de Animación á Lectura, coa lectura de contos e realización de obradoiros para os nenos e nenas e as súas familias.
Será este luns, 23 de xaneiro, baixo o título Ía un can polo monte... Queres que cho conte? A actividade, que dará comezo ás 18:00 horas, é libre e de balde para todos os interesados e interesadas. Ademais, durante a próxima semana publicarase a programación de contacontos e obradoiros completa para as vindeiras semanas.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que, coa realización deste obradoiro, "ampliase de novo a oferta cultural nas parroquias". Para o edil "as actividades orientadas ao público infantil e familiar contribúen dun xeito positivo a crear comunidade e a fortalecer as relacións veciñais". Lazos que, lamenta, "son ás veces esquecidos no ámbito urbano".




