Pestanas principais

O local do JUPEMI no Milladoiro acolle esta semana un curso sobre o manexo dos teléfonos móbiles intelixentes

Martes, 16 de febreiro de 2016

[16-02-2016] O local de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) vai acoller esta semana, o mércores 17 e o xoves 18, un curso de manexo do teléfono móbil intelixente impartido por ATEGAL e pola Fundación Vodafone. O curso comeza ambos días ás 19:00 e remata ás 20:30 horas e enmárcase dentro do programa municipal Envellecemento Activo. A asistencia é gratuíta e está aberta a todos aqueles e aquelas que desexen participar.

Nun contexto social no que os chamados teléfonos intelixentes son cada vez máis empregados este curso busca axudar aos maiores a sacar o máximo partido destes dispositivos, centrándose sobre todo en axudalos a comunicarse empregando a mensaxería instantánea cos seus familiares e amigos. Desta forma quérese contribuír a aumentar a independencia e autonomía dos maiores.

A programación tamén inclúe explicacións e consellos para descargar e instalar aplicacións no teléfono móbil empregando Google Play. O curso terá unha duración total de catro horas. O local do JUPEMI está situado no Milladoiro, na Rúa Figueiras número 3.