Pestanas principais

O local do JUPEMI no Milladoiro acolle a charla "Maiores que viven sós" hoxe ás 19:30 horas

Martes, 23 de febreiro de 2016

[23-02-2016] Este martes, ás 19:30 horas, terá lugar no local de JUPEMI a charla "Maiores que viven sós", gratuíta e de participación libre. A asociación JUPEMI reúnese na rúa Figueiras número 3, no Milladoiro.

Estímase que, tan só en Galicia, 1 de cada 5 persoas maiores de 65 anos vive soa. Isto pode deberse a motivos voluntarios, como o apego pola vivenda propia e pola serenidade que esta garante, a vontade de permanecer nunha contorna social coñecida ou a busca de liberdade para establecer un horario propio e levar a cabo as actividades do día a día. Existen, non obstante, homes e mulleres que non viven sós por propia decisión, senón pola falta de espazo nas vivendas dos seus familiares, o medo a provocar rozamentos ou deterioro nas relacións familiares en caso de mudarse con algún parente ou a idea, moi arraigada, de ser un estorbo.

Se ben en ocasións o vivir só non implica o sentimento de soidade si que é certo que, cando este aparece, a saúde das persoas maiores resíntese ante os sentimentos de tristura e de baleiro que esta situación pode provocar. A perda de seres queridos, os escasos apoios familiares, a marcha ou perda de amizades e as enfermidades que impiden realizar unha vida normal acrecentan estes sentimentos. A vulnerabilidade, a independencia ou o illamento son moitas veces consecuencias directas da sensación de soidade nos maiores.

Na charla buscarase afondar nos sentimentos que poden florecer cando unha persoa maior vive soa, así como nas formas de combater a soidade e buscar maneiras de coñecer xente nova, establecer vínculos máis estreitos coa veciñanza ou manterse activos. A participación en actividades, como bailes para maiores, cursos de informática ou outras actividades grupais son unha forma de aumentar os círculos de amizades e dar pulo á vida social dos maiores. A afiliación a asociacións da contorna é outro dos consellos que se ofrecerán na charla para facer fronte á soidade, como unha forma ademais de poñer a súa experiencia ao servizo da sociedade.