Pestanas principais

O local de JUPEMI acolle hoxe, ás 20:00 horas, a presentación do IV ciclo do Programa universitario de maiores

Mércores, 23 de setembro de 2015

[23-09-2015] Este mércores, 23 de setembro, ás 20:00 horas, preséntase no local de JUPEMI, no Milladoiro, o IV ciclo do Programa universitario de maiores. Trátase dunha xuntanza informativa para dar a coñecer este programa que ofrece a Universidade de Santiago de Compostela. Esta actividades está aberta a todas as persoas que desexen asistir. É a primeira dunha serie de charlas e obradoiros que o Concello vai a desenvolver nas instalacións do Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro (JUPEMI).

O IV ciclo do Programa universitario de maiores é unha iniciativa formativa que está dirixida aos alumnos maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel previo, pero con características e demandas de formación reguladas, que cada vez en maior medida esixe a composición demográfica da poboación. Este ciclo formativo na Universidade de Santiago de Compostela denomínase IV Ciclo Universitario e, dende o seu comezo en outubro de 1997, busca a integración conceptual do programa nos demais ciclos que se imparten dentro desta Universidade.

Este ciclo universitario para maiores está composto de cinco cursos nos que o alumnado cursará diferentes materias que se imparten en varias facultades da USC. O prazo de matrícula para cursar este ciclo está aberto ata o 30 de setembro, aínda que é posible que se amplíe este prazo. Ao remate do programa o alumnado recibe un título pero non ten valor académico e non serve para acceder ao mercado laboral.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, anima “a todas as persoas que estean interesadas neste programa universitario a que se acheguen hoxe pola tarde ao local de JUPEMI, que está situado no Milladoiro, para coñecer máis polo miúdo esta iniciativa que está dirixida ás persoas maiores de 50 anos”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello da a conocer el programa universitario para mayores de la USC"