- Tematica
O jazz volve un ano máis ao Pazo da Peregrina coa celebración da novena edición do Ames Jazz, unha iniciativa do departamento de Cultura que se desenvolverá o venres 3 e o sábado 4 de xullo. Nesta ocasión, o programa inclúe os concertos de Manuel Cebrián Trío, Suelen Estar Quartet e MBM Trío. Este ano, tamén se inclúe na programación un ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación. O obxectivo deste festival é darlle visibilidade ao panorama do jazz galego. A entrada é libre e gratuíta.
Durante esta fin de semana, os días 3 e 4 de xullo, volverá a soar a música no Pazo da Peregrina coa celebración da novena edición do festival Ames Jazz. A principal novidade desta edición será a incorporación na programación dun ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación na contorna do parque do Ameneiral. Ademais volverá haber sesión vermú no Bar O Transistor.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “dende o principio decidimos apostar polo jazz e xa imos pola novena edición”, xa que “cremos realmente que toda a cultura é importante e dende as administracións debemos de traballar e apoiar todas as expresións culturais”.
O alcalde tamén quixo destacar que “o propio festival xa se está consolidando cun nome propio dentro do panorama galego e da contorna, co cal ese é o traballo que debemos seguir facendo. Queremos que Ames se converta nese escaparate cultural, precisamente no momento no que estamos. Queremos que a veciñanza de Ames teña acceso á cultura en total liberdade”.
Programación do Ames Jazz 2026
Esta novena edición do festival abrirase o venres, 3 de xullo, coa actuación de Manuel Cebrián Trío ás 22.00 horas no Pazo da Peregrina. O proxecto liderado polo guitarrista e compositor Manuel Cebrián, xunto a Paco Charlín no contrabaixo e David Puíme na batería achega unha proposta musical inspirada na familia, a natureza, a vida e a morte, un jazz vibrante cun son netamente acústico.
Xa o sábado, a xornada abrirase cunha sesión vermú a cargo de Suelen Estar Quartet, ás 13.30 horas no Bar O Transistor. Sen partituras pero herdeiros da tradición clásica e influenciados por estilos musicais diversos, Suelen Estar Quartet preséntase como unha formación pioneira da escena nacional que basea as súas interpretacións da libre improvisación sobre os instrumentos clásicos de corda.
Pola tarde, ás 19.00 horas, chegará unha das principais novidades desta edición: o ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación, no paseo do Rego do Ameneiral. A OGL presenta un ensemble dunha vintena de músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea, e á improvisación como fonte de investigación. Teñen 3 discos publicados no mercado.
Pechará o festival MBM Trío, ás 22.00 horas, no Pazo da Peregrina. Esta é unha agrupación formada por Baldo Martínez, Antonio Bravo e Lucía Martínez e supón unha das grandes achegas ao jazz contemporáneo galego. A frescura e riqueza da súa música fan desta unha proposta máis sedutoras, tamén, da actual escena jazzística estatal.
O obxectivo da súa música é explorar diversas facetas dentro da improvisación, que van dende marcos con certa densidade harmónica e rítmica ata campos mais próximos ao free jazz e incursións na libre improvisación.







