[09-12-2014] A área de Cultura do Concello de Ames organiza a novena edición do Festival de Maxia que se celebra esta fin de semana en Bertamiráns e O Milladoiro. Haberá obradoiros, actuacións ao aire libre e en locais e unha gala máxica a cargo de recoñecidas figuras como o Mago Rafa, Nuel Galán, G-Alexander ou Brando e Silvana. As entradas poden reservarse dende o martes 9, chamando ao teléfono 981 53 59 40 ou no correo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das localidades é de 2 euros. Estudantes, menores de 12 anos e maiores de 65, obterán un desconto do cincuenta por cento. Poderán recollerse un máximo de catro pases por persoa.
O sábado 13, no Milladoiro, a casa da Cultura acollerá de 11:00 a 12:30 horas un obradoiro de maxia para nenos e nenas de entre 8 e 14 anos. A continuación terá lugar a coñecida como “Maxia de Preto” que consiste en pequenas actuacións e xogos de maxia nalgúns establecementos hostaleiros. Así na Cafetería Samarkanda (13:00 horas), no Bar Camden (13:30 horas) e na Cervexería Curmáns (14:00 horas) representaranse diferentes espectáculos para todos os públicos.
Pola tarde, a “Carpa do misterio” estará instalada na praza Manuel Murguía onde, entre as 16:00 e as 18:30 horas haberá funcións cada trinta minutos. Por último, ás 18:30 horas, pequenos e adultos poderán gozar da “Gala máxica” que estará presentada polo Mago Rafa e contará coa participación de Nuel Galán, G-Alexander, Brando e Silvana, Mag Marín e Dani Polo.
O domingo 14, a programación trasládase, -mantendo os mesmos horarios-, a Bertamiráns. Tras o obradoiro de maxia na casa da cultura, iniciarase a “Maxia de preto” no Mesón Carballeiro, a Cafetería Val da Mahía e o Asador Vacavella. Á tarde, a “Carpa do misterio” colocarase na Praza da Maía, e a “Gala máxica” celebrarase na casa da cultura.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Festival de Maxia de Ames de este año ofrece 15 horas de espectáculos"




