[22-04-2017] O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a novena edición do Certame Artístico-Literario Intercentros. Nel poden participar rapaces e rapazas, escolarizados en centros amesáns, dos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria. Os textos ilustrados, relatos ou poemas, deben estar escritos en galego e ter como temática central a importancia da diversidade. Os traballos poderán presentarse de xeito individual ou por parellas e os premios aos mellores traballos entregaranse o día 16 de maio, coincidindo co acto de celebración do Día das Letras Galegas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases deste certame.
A temática dos traballos xirará en torno á importancia da diversidade (lingüística, cultural, biolóxica, de opinións, de formas de vivir...). O alumnado participante terá que presentar un texto ilustrado, en prosa ou en verso, que continúe, de xeito orixinal, o conto da Galiña Azul que lles prestou Carlos Casares.
“Estes días andaba o pobo un pouco alborotado...pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita. É unha galiña moi bonita e moi rara. Pon ovos de colores... Ademais non di cacaracá como as outras galiñas, senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas ás autoridades. Tan preocupadas as ten que hai catro días chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregase a galiña polas boas... Lorenzo negouse porque... , segundo dixo o porteiro do Concello, a galiña quérena matar. O alcalde, Manolito Listón, dixo que non se pode tolerar a existencia dunha galiña azul que pon ovos de cores e di cocorocó en vez de cacaracá... Eu non sei que vai pasar, porque os veciños están de parte da galiña... xa che contarei en que queda isto”.
Con este punto de partida, rapaces e rapazas crearán un poema ou un relato no que relaten o desenlace desta historia. Os textos deberán estar acompañados dunha ilustración. En prosa, a extensión mínima será de 150 palabras e a máxima de 300. En poesía, a extensión mínima será de 20 versos e a máxima de 50. Entregarase o texto orixinal escrito á man, acompañado de dúas copias.
O Concello establece dúas categorías distintas: a primeira, para nenos e nenas de 3º e 4º de primaria, e a segunda, para nenos e nenas de 5º e 6º de primaria. A primeira fase de selección de traballos realizarase nos propios centros escolares e os colexios terán de prazo ata o xoves, 4 de maio, para enviar os traballos seleccionados ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, cuxa oficina se atopa na Casa da Froita do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
Nunha segunda fase, un xurado, composto por tres persoas propostas pola Concellaría de Normalización Lingüística de Ames, escollerá os traballos premiados. Os premios entregaranse o 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.




