Pestanas principais

O II Torneo de Fútbol Base Bertamiráns FC- Ames Cup celebra a súa segunda xornada este sábado

Venres, 23 de setembro de 2016

[23-09-2016] Este sábado, 24 de setembro, dispútase a segunda xornada do II Torneo de Fútbol Base Bertamiráns FC- Ames Cup de pre-temporada. Desta volta é a quenda dos equipos da categoría alevín, xogadores de vinte clubs que o sábado se darán cita no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. A primeira ronda comezará ás 9:00 horas e a segunda ás 15:00 horas. Os trofeos grupais e individuais entregaranse en torno as 21:00 horas.

O Bertamiráns FC organiza a segunda edición do seu Torneo de Fútbol Base- Ames Cup de pre-temporada. A competición dividiuse en dúas xornadas, unha primeira para os partidos da categoría benxamín e a segunda -a deste sábado 24- para os xogadores alevíns. Vinte clubs danse cita no campo municipal de Bertamiráns, onde se desenvolverán os encontros. A herba dividirase en dous campos diferentes, onde se xogarán partidos simultáneos.

O torneo segue o regulamento de fútbol 8 emitido pola FIFA e pola Federación Española de Fútbol. Os equipos participantes dividiranse en oitos grupos, cada un con tres equipos. Nunha primeira fase enfrontaranse nunha liga dunha soa volta. O primeiro e o segundo mellores equipos de cada un dos grupos clasificarase para a fase final. Os terceiros clasificados en cada grupo disputarán a serie de consolación. Os partidos da primeira fase terán unha duración de vinte e catro minutos divididos en dous tempos, cun descanso de dous minutos, mentres que os da segunda fase terán unha duración de trinta minutos cun descanso na metade de 5 minutos. O partido da fase final e da competición pola liga de consolación disputaranse ás 20:15 horas.

Para o goberno municipal a práctica deportiva pasa por ser unha prioridade e a realización deste tipo de eventos nos que colaboramos unha estupenda iniciativa. Neste torneo, ademais dos trofeos grupais, entregaranse varios destacamentos ao mellor xogador, o mellor gardameta, o mellor adestrador e ao máximo goleador da xornada.

O Bertamiráns FC convida a todos os afeccionados e afeccionadas ao deporte rei a gozar este sábado “do mellor fútbol base”. Os membros do club local serán dos primeiros en saltar ao terreo de xogo. Os seus primeiros partidos serán ás 9:00 horas, Bertamiráns FC “A” contra a SD Compostela e Bertamiráns FC “B” contra o Victoria FC “C”. Ás 10:00 estrearanse no campo o Bertamiráns FC “C” contra o ADM Peleteiro e o Bertamiráns FC “D” contra o EF Silleda.