Pestanas principais

O IES Plurilingüe de Ames e o CEIP Agro do Muíño contan con novas instalacións de cara ao curso 2017-2018

Xoves, 31 de agosto de 2017

[31-08-2017] Esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron as instalacións do IES Plurilingüe de Ames e o CEIP Agro do Muíño, onde a Xunta de Galicia está executando obras para ampliar estes centros de ensino. No CEIP Agro do Muíño executouse unha primeira fase de obras na que se construíron 3 novas aulas. Ademais, na segunda fase ampliarase este colexio con 6 aulas máis. No IES de Ames realizouse unha ampliación de 3 aulas e dotouse dunha zona cuberta. Asemade, cubrirase a pista polideportiva para convertela nunha aula de usos múltiples.


Ampliación do Agro do Muíño
Ao mesmo tempo estase ampliando o CEIP Agro do Muíño. Estes proxecto estanse executando en dúas fases. Na primeira fase, construíronse 3 novas aulas que contaron cun orzamento de 342.997,28 euros. En concreto os traballos consistiron na habilitación de 3 aulas para 25 alumnos de infantil, aseo incorporado á aula, espazos comúns, rampla de acceso, instalación e aseos.

O novo volume construído conta cunha superficie útil total de 243,75 metros cadrados, reproducindo as pautas arquitectónicas do edificio preexistente. Ademais pavimentouse a zona entre o edificio existente e a ampliación, para patio dos alumnos e renovouse o caucho e o equipamento da zona de xogos de infantil. O obxectivo desta actuación foi atender o importante aumento de alumnado a escolarizar na etapa de infantil no concello de Ames. Ademais, nunha segunda fase vanse a executar 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña más. Estas aulas executaranse nunha parcela que existe ao carón do actual centro. A devandita parcela xa pasou o trámite de información pública.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, sinalou que “o investimento feito pola Consellería de Educación é froito dos acordos acadados entre o Concello de Ames e a Xunta de Galicia para adaptar a oferta educativa e a demanda de prazas escolares no municipio. Deste xeito dáse resposta ás demandas da comunidade educativa que solicitaron cubrir as necesidades de escolarización destes dous centros educativos”. Por último, Santomil, solicítalle á Xunta de Galicia seguir fortalecendo a colaboración institucional para mellorar a calidade educativa en Ames.

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o concelleiro de Urbanismo, Blas García, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e varios/as concelleiros/as da corporación municipal acompañaron a Román Rodríguez e a Ovidio Rodeiro nesta visita na que se anuncio a licitación das obras para o peche da pista deportiva do IES Plurilingüe de Ames, co fin de converter este espazo nunha sala de usos múltiples. Trátase dunha intervención cun orzamento inicial de 522.012,08 euros, que servirá para dotar a este centro da devandita instalación, cunha superficie de 360 metros cadrados.

Ademais construiranse dous aseos adaptados e un almacén. A actuación, que estará rematada para o inicio do curso 2018/19, ten un prazo de execución de 5 meses e realizarase compatibilizando as obras coa vida escolar baixo as máximas garantías de seguridade para a comunidade educativa. Esta actuación únese ás obras executadas o ano pasado para a ampliación deste IES con 3 novas aulas, ademais da cubrición do patio, unha intervención que contou cun orzamento de 233.243,71 euros. Por último, cómpre destacar que o Concello de Ames fará unha reserva de solo ao carón do instituto, para habilitar unha zona de aparcamento, novos viarios e futuros equipamentos públicos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, incidiu en que “Ames é un dos concellos galegos coa poboación máis xoven. Debido a iso dende a Xunta de Galicia estamos facendo un forte investimento en materia educativa neste concello. Estamos investindo 1.200.000 euros na ampliación do IES Plurilingüe de Ames e no CEIP Agro do Muíño. Ademais, dende o ano 2009 a Xunta leva investido preto de 10 millóns de euros en infraestruturas educativas en Ames”.

Por outra banda, o alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “grazas as xestións realizadas coa Xunta de Galicia a Consellería de Educación está investindo máis dun millón de euros na ampliación do instituto de Bertamiráns e do colexio de infantil e primaria do Agro do Muíño que contan de cara ao curso escolar 2017-2018 con 860 e 480 alumnos/as matriculados/as, respectivamente. Ames é o concello galego con maior crecemento demográfico e con mellor saldo vexetativo positivo, polo que os investimentos na mellora dos centros escolares son moi necesarios”.

Contido relacionado


Lindeiros: "O IES de Ames terá no 2018 sala de usos múltiples"
El Correo Gallego: "Educación ampliará el instituto de Bertamiráns en el concello más joven"
El Correo Gallego: "Ames ampliará o chan dotacional para as novas seis aulas de Agro do Muíño"