Pestanas principais

O IES plurilingüe de Ames acolle este xoves a II Feira das Profesións na que participarán máis de oitenta profesionais

Mércores, 27 de marzo de 2019

O IES plurilingüe de Ames celebra este xoves, 28 de marzo, a segunda edición da Feira das Profesións, un evento orientado a que tanto o alumnado como as familias coñezan as saídas académicas e profesionais ás que poderán optar no futuro as mozas/os. O obxectivo do encontro é que os rapaces e rapazas poidan obter información actualizada e fiable da man dos máis de oitenta profesionais en activo que participaran na xornada, e que pertencen a distintas ramas do coñecemento. Este evento está organizado pola ANPA do IES plurilingüe de Ames e conta coa colaboración do Concello de Ames e do propio centro. A xornada desenvolverase nas instalacións do instituto, en horario de 17.00 a 20.00 horas.

A ANPA do IES plurilingüe de Ames organiza este xoves, 28 de marzo, coa colaboración do Concello de Ames e do propio centro, a segunda edición da Feira das Profesións. Ao longo das tres horas que durará o evento, estarán presentes un total de 81 profesionais de diversos ámbitos (deporte, ciencias, sociais, técnicas, creación artística, humanidades, xurídicas e saúde), que entrarán en contacto directo co alumnado para darlles información das profesións que desempeñan.

O obxectivo deste encontro é que o alumnado que se atopa no instituto e as súas familias poidan acceder en persoa á información directa sobre as distintas saídas profesionais ás que poderán optar tralo seu paso polo centro, así como dos posibles futuros profesionais que lles agardan, tanto no ámbito público como no privado. Así, estarán representadas un gran número de profesións, dando cobertura ás peticións que a mocidade fixo chegar á ANPA durante as últimas semanas.

Profesionais cun amplo currículo
Durante a última quincena deste mes de marzo, a ANPA foi colgando de forma periódica nas súas redes sociais breves presentacións dalgúns dos profesionais que intervirán neste evento, que terá lugar este xoves nas instalacións do IESP de Ames en Bertamiráns, en horario de 17.00 a 20.00 horas. Pódense consultar os nomes das personalidades que asistirán ao acto premendo no enlace situado baixo a pestana de descargas desta nova.

Asemade, foron numerosas as persoas que quixeron facer chegar os seus ánimos aos mozos e mozas para que persigan os seus soños mediante unha serie de saúdas, algunhas das cales tamén foron colgadas no Facebook da ANPA en formato vídeo.

Entre elas atópanse as saúdas do astronauta Pedro Duque, actual ministro de Ciencia, Innovación e Universidade; da futbolista galega Verónica Boquete, que neste momento forma parte do equipo Utah Royals, que pertencente á máxima categoría do fútbol feminino estadounidense; ou de Rosalía Cid, ex-estudante do IES do Milladoiro que está a cursar estudos de canto no Conservatorio Luigi Cherubini de Florencia; así como de José Miñones, alcalde de Ames; Lola Mouriz, presidenta da ANPA do IESP de Ames; e da propia dirección do centro.

Ligazóns

O IES plurilingüe de Ames acolle este xoves a II Feira das Profesións na que participarán máis de oitenta profesionais