- Tematica
A publicación, editada por Nova Escola Galega, será presentada este luns, 23 de febreiro, ás 16.30 horas, no IES do Milladoiro, onde existe unha activa emisora escolar chamada “MillaFalaDoiro”. En Galicia existen experiencias de radio escolar desde hai décadas, pero nos últimos anos cada vez son máis comúns. Trátase dunha importante ferramenta didáctica, coa que se cultivan o traballo en equipo ou a reflexión sobre os asuntos máis variados, ao tempo que desenvolven as habilidades lingüísticas. Os recursos técnicos, cada vez máis accesibles, permiten que facer radio sexa posible dun xeito sinxelo e práctico na actualidade.
A Revista Galega de Educación, publicación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, acaba de sacar á rúa o seu número 93, que está centrado na situación da radio escolar en Galicia. Este novo número da RGE será presentada este luns, 23 de febreiro, ás 16.30 horas, no IES do Milladoiro, onde existe unha activa emisora escolar chamada “MillaFalaDoiro”.
En dita presentación participará alumnado de MillaFalaDoiro, emisora escolar do IES do Milladoiro; Mila Diéguez, profesorado do IES do Milladoiro; Antía Cores, do Consello de Redacción da Revista Galega de Educación; e Tina Formoso, do Consello Editorial da Revista Galega de Educación. Este especial da RGE sobre a radio escolar está coordinado polos xornalistas Sergio Pascual Espinilla e Lucía Abarrategui Amado.
En Galicia hai experiencias moi meritorias de radio escolar desde hai décadas, e mesmo a radio como ferramenta didáctica é o eixe central de iniciativas recoñecidas internacionalmente como o proxecto Ponte… nas Ondas! Pero é especialmente nos últimos anos cando a radio como recurso educativo se xeneralizou nos centros galegos, sobre todo a partir dos programas de bibliotecas escolares.
Dalgún xeito, falar de radio, educación e vida, é un proceso de deconstrución da última xa que, coas ferramentas, aprendizaxes e coñecementos adquiridos, ondas e ensino son alicerces na formación de calquera persoa. Para adquirir todas esas aprendizaxes, convidamos o lectorado desta Revista Galega de Educación (RGE) a mergullarse con nós nas diferentes perspectivas educacionais, radiais, vitais, que neste monográfico amosamos, manifestan na presentación do número os seus coordinadores, os xornalistas Sergio Pascual Espinilla e Lucía Abarrategui Amado.
O número conta, ademais das outras seccións habituais da publicación, cun total de 15 colaboracións que analizan a realidad actual da radio escolar. Nel inclúense reflexións teóricas elaboradas en diferentes partes do mundo e faise un peiteado sobre a realidade das radios escolares en Galicia. A Revista Galega de Educación pode adquirirse en calquera librería de Galicia solicitando a reserva, ou realizando a petición directamente a Nova Escola Galega (neg@neg.gal).





