Pestanas principais

O IES de Ames recibe ás delegacións de seis institutos de Polonia, República Checa, Italia, Alemaña, Turquía e Suecia que participan no Proxecto Europeo Comenius

Martes, 17 de abril de 2012

[17-04-2012] O IES de Ames acolle esta semana aos alumnos/as e profesores/as participantes no proxecto Bridges” enmarcado no programa Comenius 2011-2013 financiado pola Unión Europea. O proxecto “Bridges” pretende tender pontes entre países con culturas moi diferentes. Entre o 16 e o 20 de abril un total de 25 nenos/as de 15 a 17 anos e 17 profesores procedentes de 6 países (Turquía, Alemaña, Suecia, Polonia, República Checa e Italia) estarán no instituto amiense. Esta mañá celebrouse a benvida oficial coa participación do alcalde de Ames, Santiago Amor, a directora do IES de Ames, Marisol Louro, a presidenta da ANPA do IES de Ames, Fina Rella, a coordinadora deste programa no IES de Ames, Paz Peña, o coordinador internacional do programa Comenius, Vlastimír Sunek, e a profesora do IES de Ames, Lucinda Sousa.


O IES de Ames é un dos centros de ensino que participa no proxecto Bridges, enmarcado no programa Comenius 2011-2013 financiado pola Unión Europea. Xunto ao instituto amiense participan o Zespól Szkól Szkola Podstawowa im de Polonia, a Strední odborná skola logistická a strední odborné uciliste Karlovy Vary da República Checa, o I.I.S.S. R Casimiri de Italia, o centro Das Balthasar-Neumann-Gymnasium de Alemaña, o Halkali Ticaret Meslek Lisesi de Turquía e o centro Akerskolan de Suecia.

Neste programa participan un total de 25 nenos/as de entre 15 e 17 anos e 17 profesores/as procedentes de 6 países (Turquía, Alemaña, Suecia, Polonia, República Checa e Italia). Esta é a primeira experiencia de intercambio con Galicia de todos estes nenos e profesores. O proxecto Bridges pretende tender pontes entre países con culturas moi diferentes. Os alumnos viaxan a cada país, onde coñecen os seus principais elementos culturais e buscan puntos de encontro, establecendo unha conexión internacional.

Turquía acolleu xa unha primeira reunión preparatoria do proxecto na que participaron os profesores. Posteriormente, en Polonia e na República Checa os alumnos do proxecto Bridges construíron os dous primeiros piares desta ponte intercultural. En Ames levantarán o terceiro piar a partir do Camiño de Santiago. Ademais, nesta semana de intercambio realizarán excursións e obradoiros didácticos. A construción da ponte continuará o próximo curso en Italia, Suecia e Alemaña.


Benvida oficial ao alumnado e profesorado

Esta mañá celebrouse no IES de Ames a benvida oficial ao alumnado e profesorado que estarán en Ames durante esta semana. O alcalde de Ames, Santiago Amor, dixo “é un auténtico privilexio para min como alcalde de Ames poder darvos a benvida a este concello e a Galicia. Estou seguro de que todos os que participades neste programa tan ilusiónante saberedes aproveitar esta semana como unha experiencia vital única, que deixará en vós lembranzas inesquecibles”.

O rexedor municipal continuou dicindo “formades parte dun proxecto de intercambio que sintetiza un dos obxectivos irrenunciables na construción da Unión Europea: o intercambio intercultural. A Europa do futuro pasa polo establecemento de pontes de entendemento entre culturas e identidades diferentes e, con esta iniciativa, vós estades dando exemplo de como facelo. Neste sentido, en Ames afondaredes no voso coñecemento dun elemento integrador único e milenario, o Camiño de Santiago. Aquí teredes a oportunidade de comprobar como o Camiño mantén a súa vixencia como vía de peregrinación e como lugar de intercambio de ideas, linguas e culturas procedentes de todo o mundo. A ruta xacobea está na orixe da Europa actual e, estou convencido, será sempre un referente para avanzar na súa construción futura”.

A directora do IES de Ames, Marisol Louro, deulles a benvida en nome da comunidade educativa. “Estamos honrados de participar e sen anfitrións neste proxecto que permite estreitar lazos entre culturas. O obxectivo é o de coñecernos mellor e establecer vínculos futuros a nivel educativo e persoal. Agradeceu o traballo de todos para facer que as fronteiras sexan cada vez menos importantes”.

A continuación, os alumnos de Ames fixeron unha demostración de música e baile tradicional galego na que tamén se animaron a participar os estudantes estranxeiros. Ao longo da xornada de hoxe, os alumnos farán as respectivas presentacións de cada país para comezar a desenvolver o obradoiro de construción dos elementos nacionais.

Mañá mércores os participantes no proxecto Bridges, profesores e estudantes estranxeiros e máis os alumnos anfitrións, farán unha excursión á costa galega na que coñecerán Noia, Muros, Carnota e Fisterra, entre outras localidades. Esta excursión inclúe facer un pequeno treito do Camiño de Santiago. Pola tarde, se a climatoloxía acompaña, participarán nun obradoiro de observación das estrelas.

O xoves 19 os estudantes rematarán a construción do terceiro piar do proxecto Bridges e serán recibidos oficialmente no Concello de Ames. Na xornada de tarde farán un percorrido por Santiago de Compostela, na que coñecerán a Catedral de Santiago e realizarán unha visita guiada á Catedral de Santiago.

O IES de Ames xa participou xunto a varios centros de Francia, Grecia e Italia no Proxecto Europeo Comenius 2006-2009, que abordou un programa cheo de actividades centradas no Desenvolvemento Sostible. A enerxía foi o tema central.