[07-12-2011] Profesorado, alumnado e familias do IES de Ames celebraron esta tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns un acto para o recoñecemento público ao traballo realizado polo alumnado en diversos campos. Neste acto deron a coñecer actividades que se promoven no IES coma os clubs de lectura, a participación en concursos, as actividades físicas e artísticas, os traballos de investigación, as olimpíadas de carácter cultural, a representación do IES en premios dentro da comunidade ou de ámbito estatal. Algúns alumnos que participaron nestas actividades contaron a súa propia experiencia e a achega que lles supuxo.
Coa organización desta xornada na que se dan a coñecer as actividades do instituto tamén se pretende animar o alumnado actual a participar nas actividades que se desenvolven no IES, que constitúen unha oportunidade de impulsar unha formación sólida e completa.
O IES de Ames, pola súa constitución, posúe unha gran riqueza e diversidade no seu alumnado: pola orixe xeográfica, polos grupos sociais que nel se ven representados e polos diversos niveis culturais. A excelencia da acción educativa é para todos, e a todos se lles esixen bos resultados.
É certo que a excelencia académica, que responde ao mérito sobresaínte nos resultados, corresponde só a algúns. Pero, para alcanzala, é condición imprescindible un ambiente positivo no centro, que propicie o estudo, a inquedanza e a curiosidade intelectual, as gañas de aprender e de ir a máis. Nesa tarefa, na creación dese ambiente, todos os axentes sociais que rodean os rapaces e rapazas teñen algo que achegar, e esa foi unha das premisas fundamentais da xornada "aberta" que acaba de realizar o IES de Ames.