Pestanas principais

O IES de Ames acolleu o primeiro encontro educativo do programa de redución do abandono escolar

Martes, 05 de xuño de 2012

[05-06-2012] Arredor de 30 alumnos/as de terceiro e cuarto de ESO do IES de Ames participaron este luns, 4 de xuño, no primeiro encontro educativo que organizou o Concello de Ames dentro do programa posto en marcha para reducir o abandono escolar. Este programa inclúe varias actividades como son os encontros educativos, un campus educativo de verán e a preparación das probas de ESO para a convocatoria de setembro. No encontro educativo presentóuselle este programa ao alumnado do IES de Ames e debateuse sobre as causas e as medidas de prevención do abandono escolar. O encontro repetirase mañá, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Campus educativo de verán

No campus educativo de verán traballarase co alumnado de 2° ciclo de Educación Secundaria durante o verán, mediante actividades de reforzo educativo, técnicas de estudo, dinámicas educativas,... O campus educativo de verán desenvolverase nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de xullo e de agosto. Esta actividade está dirixida aos mozos/as de 2° ciclo de educación secundaria (3° e 4° de ESO), PCPI e diversificación curricular.

En caso de ter máis solicitudes que prazas, terán prioridade os mozos/as que acompañen esta solicitude cun informe favorable do seu centro educativo (contactar coa Dirección e/ou Orientación do centro). Ofrécense un total de 30 prazas. O campus educativo ten un custe de 43 euros. Haberá que facer o ingreso na conta NovaGaliciaBanco número 2080 5215 383040000054 indicando o nome e apelidos do participante e da actividade.

Preparación das probas de ESO

Nas actividades de preparación das probas de ESO para a convocatoria de setembro formarase aos mozos e mozas maiores de 18 anos, que non obtiveron a titulación da ESO, para que preparen durante o verán as probas de obtención do título na convocatoria de setembro. Estas actividades, que están dirixidas a mozos/as maiores de 18 anos sen título da ESO, desenvolveranse os luns e mércores de xullo e agosto, en horario de 11:00 h a 13:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Ofértanse 25 prazas.

Os mozos e mozas que estean interesados/as en participar no campus educativo de verán e nas actividades de preparación das probas da ESO deben de formalizar a súa inscrición nestas actividades ata o 18 de xuño. O impreso de inscrición poderá descargarse a través da páxina web do Concello de Ames (www.concellodeames.org), ou recollelo na Oficina de Información Xuvenil (OMIX) de Bertamiráns, situada na Casa do Concello, e no Punto de Información Xuvenil (PIX), situado na Casa da Cultura do Milladoiro. Os impresos de solicitude deberán recollerse e entregarse en horario de 9:00 h a 14:00 horas.

Para obter máis información pódense poñer en contacto coa Oficina de Información Xuvenil do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 616 083 229 ou a través do correo electrónico omix@concellodeames.org.


Este luns tivo lugar no IES de Ames o primeiro encontro educativo enmarcado no programa de redución do abandono escolar. Nesta actividade participaron arredor de 30 mozos e mozas do centro educativo amiense que cursan estudos de terceiro e cuarto da ESO. A charla estivo presidida pola concelleira de Xuventude, María González, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e o concelleiro de Deportes e Tempo Libre, Manuel Ferreiro.

A concelleira de Xuventude, María González, foi a encargada de presentar este programa posto en marcha polo concello de Ames para previr o abandono escolar estre a mocidade amiense. María González destacou “a importancia de aplicar medidas que incidan na redución do abandono escolar nunha etapa educativa tan decisiva como a que están cursando os rapaces de 2° ciclo de Educación Secundaria (3° e 4° de ESO). Tras a presentación realizouse unha charla na que se abordaron asuntos relacionados co fracaso e o abandono escolar.

Deste xeito, explicáronselle ao alumnado as técnicas que existen para organizar o traballo, preparar os exames, planificar o estudo diario, etc. Tamén se lle indicou cales son as mellores condicións para aproveitar ao máximo o seu rendemento académico; analizouse o contexto e as causas que inflúen no fracaso e o abandono escolar dos mozos e mozas; e facilitáronselle unha serie de recomendacións e consellos xerais para que os rapaces coñezan técnicas de estudo eficaces, técnicas de motivación e para mellorar o seu esforzo, planificación das tarefas e o estudo, influencia do ambiente, axudas ao estudo, etc.

A vindeira sesión dos encontros educativos realizarase este mércores, 6 de xuño ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Dende a concellaría de Xuventude convidouse a todos os pais/nais, ANPAS, e outros representantes da comunidade educativa dos centros de ensino onde cursan estudos os mozos/as do Milladoiro e arredores (IES Eduardo Pondal, IES de Cacheiras, etc.) para que asistan a esta charla.