Pestanas principais

O grupo teatral de Ames pecha este venres a IX Mostra de Teatro Afeccionado coa representación da súa última obra

Mércores, 26 de novembro de 2014

[26-11-2014] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a representación da última montaxe do grupo municipal de teatro de Ames. Poderá verse este venres, ás 21:00 horas, de maneira gratuíta ata completar aforo. Tromparia é o nome da peza que preparou este colectivo nacido hai once anos nun obradoiro de interpretación. Con esta actuación péchase a novena edición da Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Ames, que se desenvolveu durante este mes de novembro nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro.

Tromparia é unha crónica anacrónica dun tempo e nun lugar imprecisos. Tal como se recolle no programa da obra: “Dentro dun xogo de luces e sombras transitamos polas cociñas do poder de Tromparia, onde se enfornan os plans económicos e as vidas dos cidadáns. O pobo prefire resignarse nunha vida de cans diante da vertixe de teren que ser actuantes dun sistema que só coñecían de nome. Pero é tan cómodo o servilismo, delegar as decisións e o poder no letargo da vontade, sermos gobernados por alguén e que nos deixen tranquilos… Que para iso pagamos impostos!”.

Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O deseño do espazo escénico, o aderezo e o vestiario correu a cargo da propia directora e dos actores e actrices que nela participan, mentres que o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as seis últimas montaxes do grupo. O elenco artístico está composto por Paula Castro, Maica Couto, Pilara Gómez, Carlos Labraña, Emilia Mayo, Pablo Nimo, Carmela Pardal, Manel Pardo, Patricia Quintiá e Paz Romai.

A traxectoria deste grupo formado por trece compoñentes inclúe representacións de títulos como Nunca nada de ninguén, de Luísa Costa Gomes, O porvir está nos ovos, de Eugéne Ionesco, O Médico a paus, de Molière, ou unha adaptación feita do texto Segunda mano, de Dulce Chacón.