Pestanas principais

O grupo Os Miudiños do IES de Ames quedou en sexta posición no Club de Debate 2016

Mércores, 04 de maio de 2016

[04-05-2016] O sábado pasado rematou unha nova edición do Club de Debate no que participaron arredor de 350 rapaces e rapazas, divididos en 38 equipos de 11 concellos de toda Galicia. De Ames presentáronse 3 grupos do IES Plurilingüe de Ames e un equipo do IES do Milladoiro. O equipo Os Miudiños do IES Plurilingüe de Ames conseguiu unha meritoria sexta posición na final celebrada en Pontevedra. O Club de Debate é un proxecto cooperativo xestionado polos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos organizadores que procura favorecer o uso da lingua galega por parte da mocidade, especialmente de xeito oral e tanto en contextos formais como informais.

Por quinto ano consecutivo diversos concellos galegos, a través dos servizos de normalización lingüística (SNL), organizaron o Club de Debate, un programa co que se incentiva o uso da o uso do galego oral en contextos formais e informais e o pensamento crítico. Na organización desta quinta edición participan once concellos: Ames, O Carballiño, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A fase final volveu a celebrarse en Pontevedra, despois de pasar nas edicións anteriores por Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol e Carballo.

De Ames presentáronse 3 grupos do IES Plurilingüe de Ames e un equipo do IES do Milladoiro, que participaron na fase comarcal celebrada en Negreira o pasado 9 de abril. Nesta fase de zona tamén participaron grupos dos concellos de Teo, Rois, Santiago e Negreira, clasificándose para a fase final deste torneo un grupo do IES Xulián Magariños de Negreira, e o grupo Os Miudiños do IES Plurilingüe de Ames.

O sábado pasado 87 rapaces e rapazas de 8 centros de ensino de toda Galicia, participaron na final do Club de Debate no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os 8 equipos clasificáronse nas catro fases de zona: o IES Luís Seoane e o IES Nº 1 do Carballiño, que se clasificaron no Club de Debate de Pontevedra e O Carballiño; o IES Leixa de Ferrol e o IES Isidro Parga Pondal de Carballo, por Carballo e Ferrol; o CPR Fogar de Santa Margarida e o Liceo La Paz da Coruña, pola Coruña; e o Grupo 1 do IES Xulián Magariños de Negreira e Os Miudiños do IES de Ames, clasificados no Club de Debate de Teo, Rois, Santiago, Ames e Negreira.

Cada un dos equipos participantes estivo formado por entre 4 ou 10 rapaces e rapazas de 3º ou 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou ciclos formativos, sempre menores de 18 anos. Os equipos eran mixtos e estaban coordinados por un preparador ou preparadora, que foi un ou unha docente do centro de ensino. Todos debateron a favor e en contra do tema “en galego hai un mundo de cousas boas”.

Equipo gañador do Club de Debate de 2016
Finalmente o equipo gañador do Club de Debate de 2016 foi o grupo 1 do IES Xulián Magariños de Negreira, mentres que o equipo Os Miudiños do IES Plurilingüe de Ames conseguiu unha meritoria sexta posición. O premio para o equipo gañador foi unha viaxe multiaventura dunha fin de semana a Penacova (Portugal), con contidos culturais, para un máximo de 20 persoas.

Este Club de Debate é un proxecto cooperativo xestionado polos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos organizadores que procura favorecer o uso da lingua galega por parte da mocidade, especialmente de xeito oral e tanto en contextos formais como informais. O galego é o código a través do cal os e as participantes amosaron a súa fluidez comunicativa, melloraron a súa capacidade de síntese ou a súa oratoria. E tamén foi a ferramenta coa que se pretendeu promover o pensamento crítico e analítico ou fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo.

O Club de Debate está dirixido, por tanto, a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización lingüística, á mocidade, e faino co obxectivo xeral de fomentar a lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os/as participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).