Pestanas principais

O grupo número 1 do IES de Bertamiráns e o equipo do IES da Pontepedriña clasifícanse para a fase final do VI Club de Debate que terá lugar o 6 de maio en Santiago

Venres, 10 de marzo de 2017

[10-03-2017] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu ao longo do día de hoxe a fase de zona do Club de Debate. Participaron arredor de 70 estudantes (de terceiro e cuarto de ESO e de primeiro de Bacharelato) e 7 profesores/as dos institutos de Ames (tres do IES do Milladoiro e dous do IES de Bertamiráns) e dos IES de Santiago (A Pontepedriña e Compañía de María). Os dous equipos gañadores desta xornada pasan á final galega que se celebrará o sábado, 6 de maio, no Centro Social de Santa Marta, en Santiago de Compostela.

Composición do xurado
O xurado desta fase de zona estivo composto pola xornalista, Inés Dopazo; a profesora de ensino secundario, Merche Espiño; a lingüista do Diario Oficial de Galicia, María Xosé Quintáns; o técnico de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Bermúdez; e a profesora de ensino secundario, Valentina Fomoso. Tal como especifica o regulamento do Club de Debate para a súa elección tívose en conta a súa formación e experiencia académica en actividades relacionadas coa oratoria, a comunicación ou a lóxica.

Final galega
Os dous primeiros equipos clasificados en cada unha das zonas participarán na final galega, que terá lugar o sábado, 6 de maio, no Centro Social de Santa Marta, en Santiago de Compostela. O premio final que agarda ao equipo gañador é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana, para un máximo de 20 persoas, na que terán ocasión, entre outras cousas, de achegárense ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais. En consonancia tamén con este obxectivo, o tema sobre o que debaterán na final é O futuro da lingua está na mocidade”.

Equipos que pasan á final galega
Ao remate da xornada déronse a coñecer as puntuacións finais. O primeiro premio foi para o equipo do IES da Pontepedriña composto por Vitor López, César Queijeiro, Xoán Domínguez, Carla Gómez, Sofía Sánchez, Carmen Aguilera e Desiree Mosquera. Este grupo de rapaces e rapazas estivo preparado polas mestras Mariló Langarón e Mari Carmen García. O segundo premio foi para o equipo número 1 do IES de Bertamiráns formado por Sara Olmo, Arianne Romero, Laura Souto, Marta Vicente, Paula García, Elena Martínez, Blanca Pérez, Eva Santamaría, César Asensi e Roi Candocia. Este equipo estivo dirixido e preparado por Carlos Negro.

O equipo do IES da Pontepedriña recibiu un premio valorado en 500 euros e o grupo número 1 do IES de Bertamiráns outro valorado en 300 euros. Os dous equipos gañadores desta xornada pasan á final galega que se celebrará o sábado, 6 de maio, no Centro Social de Santa Marta, en Santiago de Compostela. A entrega de premios realizouna a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación do Concello de Ames, Isabel Vaquero.

O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, foron os encargados de abrir esta xornada de debate na Casa da Cultura de Bertamiráns. Miñones animou aos rapaces e rapazas a debater dende o convencemento e con respecto. “Este tipo de iniciativas son moi importantes porque axudan a expresarse en público, algo que é moi importante na vosa formación académica porque o ides ter que facer en estudos posteriores na universidade e posiblemente tamén na vosa vida laboral”, dixo o rexedor municipal.

Isabel Vaquero agradeceulle ao alumnado a súa participación e díxolle “aprender moito en lingua e comunicación a través deste programa. Aprender a reflexionar e darlle un par de voltas as ideas iniciais é moi imporante tanto nos estudios como na vida en xeral. Tamén teño palabras de agradecemento para o profesorado, o xurado e para as técnicas de Ames e Santiago de Compostela. Agardo que recordedes está xornada como un día no que aprendestes moito e o pasastes ben”.

Nesta fase de zona participaron 7 equipos e a temática sobre a que tiveron que debater foi: Debemos acoller as persoas refuxiadas. Do Concello de Ames participaron cinco grupos, tres deles do IES do Milladoiro e dous do instituto de Bertamiráns. Ademais, asistiron dous equipos de Santiago, dos institutos da Pontepedriña e da Compañía de María. Así, debateron hoxe en Ames arredor de 70 rapaces e rapazas que foron preparados e están coordinados por 7 profesores/as.