Pestanas principais

O grupo municipal de teatro do Milladoiro estrea este sábado a peza O porvir está nos ovos

Sábado, 28 de maio de 2011

[28-05-2011] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado o estreo da nova montaxe do grupo municipal de teatro do Milladoiro. O porvir está nos ovos é o nome da última peza que preparou este grupo de teatro afeccionado, que naceu hai oito anos en forma dun obradoiro de interpretación. Despois de representar a obra do italiano Goldoni, indagar no absurdo da man do alemán Karl Valentín, atreverse con "Nunca nada de ninguén" da autora portuguesa Luísa Costa Gomes, agora o grupo municipal de teatro estrea O porvir está nos ovos, de Eugéne Ionesco.

O grupo municipal de teatro do Milladoiro naceu hai oito anos en forma de obradoiro de interpretación, ese foi o berce do actual grupo de teatro. O seu primeiro director foi Pablo Rodríguez co que se puxeron en escena Caricias do catalán Sergi Belbel e Teatro mínimo de Manuel Lourenzo. Hai cinco anos que se incorporou como directora Mónica Camaño coa que se estrearon Os desvaríos polo veraneo de Goldoni, Cal e Valentín, unha adaptación feita pola propia directora de varios textos do alemán Karl Valentín, e Nunca nada de ninguén, da autora portuguesa Luísa Costa Gomes.

Agora estrean a súa última montaxe O porvir está nos ovos de Eugéne Ionesco. A representación terá lugar este sábado no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a partir das 21:00 horas. Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes quen xa preparou as tres últimas montaxes do grupo.

O grupo municipal está formado actualmente por nove actores afeccionados, Emilia Mayo, Manel Pardo, Pablo de Prado, Paz Romai, Pilara Gómez, Rosana González, Patricia Quintia, Tati Duro e Sabela Aboal. Dende o grupo de teatro municipal animan aos veciños e veciñas a facer teatro e esperan que algúns dos actuais participantes nos obradoiros do concello se unan ao grupo municipal no futuro.

Eugéne Ionesco

Eugéne Ionesco debutou como dramaturgo con A cantante calva no Téâtre des Noctambules en 1950 baixo a dirección de Georges Bataille. A estrea non tivo gran suceso entre o público; si entre intelectuais da época como Andre Breton, Luís Buñuel, Arturo Adamor ou Mircea Eliade, que xa vían en Ionesco o xenial e revolucionario dramaturgo que xunto con Samuel Becktt e Jean Tardieu, é considerado como o pai do teatro do absurdo. Nesta liña compre salientar, que era membro do Colexio de Patafísica xunto Boris Vian, Raymond Queneau, Jacques Prevert, Marcel Duchamp e Michel Leiris, seguindo a clara pegada de Alfred Jarry.

Entre as moitas obras de teatro que nos deixou Eugène Ionesco podemos apuntar A lección, Jacques ou a submisión, O Porvir está nos ovos, todas elas de 1950, As cadeiras de 1952, Rinoceronte de 1959, O rei morre de 1962, ou Macbeth de 1972. Recibiu entre outros recoñecementos, o Premio Nacional de Teatro, e entrou como membro da Academia Francesa o 22 de xaneiro de 1970. Alén da obra dramática, cómpre salientar o seu traballo en prosa ó longo de colaboracións con revistas literarias e a visión do mundo que aparece no seu Diario en migallas.