Pestanas principais

O grupo municipal de teatro de Ames representa “As Suplicantes” dentro da XI Mostra de teatro Amador

Mércores, 30 de novembro de 2016

[30-11-2016] Este venres 2 de decembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo municipal de teatro de Ames representa a obra “As suplicantes”. Trátase dunha adaptación realizada pola súa directora, Mónica Camaño, baseada na obra do dramaturgo grego Esquilo. O drama conta a historia dun grupo de mulleres que piden asilo á cidade de Argos ante as amezas de matrimonios forzosos que as perseguen. A entrada ao espectáculo é libre e gratuíto. Esta representación enmárcase dentro da XI Mostra de teatro Amador.

Emilia Mayo, Carmela Pardal, Paula Castro, Pilara Gómez, Eva García, Noemí Graño e Patricia López póñense na pel do coro das danaides, as protagonistas do relato de Esquilo. Pelasgo, o rei de Argos, é interpretado por Pablo Nimo, mentres que Carlos Labraña representa o papel de Dánao. Diego Otero, Pablo Núñez e Pablo Gulín serán, respectivamente, o asesor e os dous mensaxeiros.

Na parte técnica traballan como soporte técnico Armando Salas, no deseño de luces Zé Paredes, no deseño gráfico Pablo Gulín e como axudante de dirección Carlos Labraña. O vestiario e o deseño e aderezo do espazo escénico foi realizado pola directora da obra, Mónica Camaño, coa colaboración dos membros do grupo municipal de teatro de Ames.

Despois de ofrecer a obra “A voda”, de Chejov, o grupo municipal de teatro de Ames despide este ano con “As suplicantes”, elección que, explican no cartel da propia obra, ven dada pola súa conexión con acontecementos presentes; a fuxida e a busca de asilo e protección. Esta obra xa foi representada no Milladoiro no pasado mes de xuño e agora tócalle a quenda aos espectadores de Bertamiráns.